Uns meses despois de inaugurar as instalacións no Polígono da Raña, no Barco, o Pádel Club Valdeorras comezaba a competir na liga galega.
Como club que iniciaba a súa traxectoria deportiva foi obrigado a xogar na 4ª categoría marcándose como primeiro propósito ascender a 3ª, aínda que aspira a chegar polo menos á 2ª. Conseguíao despois de disputar a liga regular e a fase final en Ames, quedando como campión galego da súa categoría e logrando ser un dos equipos que representará a Galicia na III Copa de España de Ligas Autonómicas, organizada pola Federación Española de Pádel, que se celebrará do 17 ao 19 de novembro nas Palmas de Gran Canaria.
“Sabemos que será unha competición difícil pero intentaremos dar o mellor de nós para, polo menos, poder competila. Traer a Copa para Valdeorras sería todo un éxito”, asegura Diego Vázquez, un dos membros do equipo que competirá nas Palmas, xunto a Jesús Núñez, Ángel Delgado, Adrián Delgado, Iván Guntiñas, Adrián Ramos, Daniel Álvarez, Mario Castro, David de La Calle, Agapito González, Leonardo Álvarez e Brais Guitián.

O campionato terá como sede principal o Club Spin Pádel aínda contará co apoio doutros clubs xa que participarán 7 equipos de cada comunidade. Xunto a Pádel Club Valdeorras (4ª masculina), viaxarán ás Palmas CSC Decorps (1ª feminina), Rogue Pádel 8 (2ª feminina), Pádel Riveira (3ª feminina), Pádel d3-Ansede Correduría de Seguros (1ª masculina), Bo&Go La Marina (2ª masculina) e Club de Tenis Pontevedra (3ª masculina).
A competición comezará ás 16 horas do venres e o sistema será por eliminatorias cun “formato de 3 partidos, dos cales hai que ganar 2 para avanzar no cadro”, explica ilusionado Diego, agradecendo en nome do club “o apoio dos outros dous equipos (masculino e feminino), así como de toda a xente que nos está dando ánimos. Tamén aos patrocinadores que apostaron por nós (Carsegal; Distribuciones Roca; Carmen María López Rodríguez (Helvetia); Clínica Vázquez; e Comercial Agraria Martínez”.
Fotos cedidas.