OurenseÚltima hora

O Parlamento de Galicia expón en Ourense unha escolma da súa colección de arte

A mostra “A Nosa Arte” poderá visitarse na sede de Afundación na cidade das Burgas ata o 21 de outubro

 

A exposición “A Nosa Arte”, conformada por unha escolma de 37 obras da colección artística do Parlamento de Galicia vén de inaugurarse esta tarde na sede de Afundación en Ourense. Durante o acto inaugural, o titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices recordaba que a colección de arte desta institución autonómica está integrada por máis de 300 pezas, a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que “pertencen á totalidade das galegas e galegos”.

Para Santalices, trátase dunha “visita obrigada polo especial peso de Ourense na conformación da cultura galega na medida en que aquí naceron e traballaron moitos dos grades persoeiros das nosas letras e da nosa arte”.

Santalices explicou que así como os deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, “tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente”. Amosouse convencido de que “as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado. Peor nos irá canto máis tardemos en decatarnos e actuar en consecuencia”.

Nesta filosofía enmarcaba a organización desta mostra itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara. Xa se amosou en Vigo e Ferrol e despois de Ourense visitará Lugo, A Coruña e Pontevedra, rotando trimestralmente.

A itinerancia da exposición “responde e fai visible o compromiso da primeira institución de Galicia co conxunto do territorio ao que serve, sexa no litoral ou no interior, na mariña ou na montaña, no urbano ou no rural, unha realidade poliédrica que temos a obriga de ter presente, respectando sempre a súa diversidade”, afirmou Santalices Vieira.

 

 

Agradecementos

O presidente do Parlamento tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia, que colabora na organización desta mostra; e para Afundación, que cede as súas sedes nas cidades galegas, como fixera anteriormente con outras actividades impulsadas pola Cámara.

Agradeceu o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que colaborou na catalogación e musealización da colección e o seguirá a facer emitindo informe previo e vinculante en relación coa adquisición de calquera nova obra de arte por parte do Parlamento. O comisariado da mostra corre a cargo da Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos: María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez.

A xuízo de Santalices, “a Galicia contemporánea, e a nosa autonomía” son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Na súa opinión, “un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que inzaron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto precisabamos”.

O acto contou tamén coas intervencións de Xosé Carlos Caneiro Pérez, vicepresidente de Afundación; María Victoria Carballo-Calero, en representación dos comisarios; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González.

 

 

O conselleiro de Cultura incidía na relevancia de “achegar a todos os galegos o valiosísimo legado que atesoura a Cámara autonómica, homenaxear a todos eses artistas que contribuíron a construír Galicia e a descubrir a fonda pegada que Ourense ten nesta valiosa colección”.

Pola súa banda, Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, salientou que “hoxe celebramos esta mostra, esta dignísima exposición dunha colección pública que dá exemplo de país, que promove unha gran riqueza cultural e serve de plataforma para que moitos dos nosos creadores teñan un lugar onde a súa obra é visitada e contemplada: no Parlamento de Galicia, a casa do pobo”.

A exposición inaugurada esta tarde en Ourense poderá visitarse ata o 21 de xullo, e tamén do 1 de setembro ao 21 de outubro na sede Afundación (Praza da Constitución, s/n), de luns a venres (excepto festivos) de 17,30 a 20,30 h. Os sábados, domingos e festivos as visitas serán de 11,00 a 14,00 e de 17,30 a 20,30 h.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button