PolíticaÚltima hora

O Parlamento galego pide a mellora do trazado na estrada OU-636 entre Freixido e Trives

Vén de aprobarse por unanimidade unha proposición non de lei sobre este tema promovida polo grupo parlamentario do PP
O deputado do PP Moisés Blanco, intervindo no Parlamento.

O Parlamento de Galicia vén de aprobar o 29 de novembro por unanimidade a proposición nonde lei do grupo popular a través da que se demanda que a Xunta inicie a redacción dun proxecto de mellora e acondicionamento de trazado da estrada OU-636 entre Freixido e A Pobra de Trives, co obxectivo de que poida estar redactado e aprobado no ano 2019 para, a continuación, seguir coa tramitación necesaria para a execución das obras.

O deputado popular Moisés Blanco explicou que a OU-636 é unha estrada de titularidade autonómica cunha lonxitude de 21,14 quilómetros, nos que se ascenden máis de 400 metros. “Esta estrada ten unha forte compoñente histórica, xa que se corresponde co antigo trazado da N-120, seguindo o camiño romano XVIII da Vía Romana que comunicaba as cidades de Bracara Augusta e Asturica Augusta”, apuntou.

“O arranxo desta estrada ten sido unha demanda constante por parte dos veciños da comarca e do propio alcalde de Trives, xa que moitos residentes nesta zona se desprazan por ela ata os seus centros de traballo ou para realizar diferentes xestións no ámbito administrativo ou sanitario que principalmente se prestan no Barco de Valdeorras”, manifestou o deputado popular.

Blanco sinalou que esta estrada “presenta un gran desgaste, acrecentado pola gran cantidade de tráfico pesado que soporta, e un sinuoso e complicado trazado, tanto polas numerosas curvas do seu trazado como pola estreiteza da propia calzada, o que dificulta moito a circulación cun límite de velocidade que non chega aos 50 quilómetros por hora”.

Artigos relacionados

Back to top button