ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Partido Popular da Rúa abandona o Pleno que el mesmo solicitara

Os membros da oposición ruesa levantábanse sen atender ás explicacións do alcalde

Para as oito da tarde do 28 de maio estaba previsto no Concello da Rúa o Pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular con tres puntos na orde do día. O primeiro, iniciar a tramitación para ter unha persoa, que sexa secretario-interventor dos Concellos da Rúa e Petín a maiores do tesoureiro; o segundo, valoración do estado económico e social do Concello da Rúa; e o terceiro, facultar e encomendar ao alcalde a realización de todos os trámites necesarios para levar a cabo o acordo primeiro.

Unha vez lido o primeiro punto, o alcalde Luis Fernández Gudiña cedía a palabra ao portavoz da oposición que sorprendía aos asistentes facendo constar “a nosa queixa porque o punto importante deste Pleno era o estado económico do Concello e neste momento non temos ningún tipo de documentación e imos proceder a levantarnos. Cando teñamos as contas que poidamos estudar a tempo e con tempo, procederemos a solicitar un novo”.

Sen deixar ao alcalde dar as explicacións oportunas os cinco membros do PP rues abandonabaon o salón ante a atónita mirada do grupo de Goberno. Acto seguido o propio alcalde explicaba que o Partido Popular solicitara a través dun escrito un Pleno Extraordinario para coñecer entre outros puntos, o estado das contas, “unha posibilidade que ten calquera grupo pero que tamén podía ter solicitado a través dunha comisión ou un escrito dirixido ao Concello solicitando esa documentación. O equipo de Goberno entendeu que a documentación debería dárselle no acto que eles pediron e nós aquí a temos e pasariamoslla con moito gusto”, dixo, asegurando que “paréceme unha verdadeira falta de respecto a este Pleno que non queiran saber dos puntos que eles mesmos solicitaron”.

A portavoz do BNG e tenente e alcalde María G. Albert unicamente dixo estar “sorprendida de que soliciten un Pleno extraordinario para levantarse del. Nós traballamos e trouxemos os deberes feitos”. Segundo o alcalde “toda a documentación está aquí e podemos presentarlla e eles cando nola soliciten. Foi a través do Pleno así que aquí a tiñamos para contestar ás súas preguntas. Parece unha pataleta e esperemos que soliciten un novo Pleno se queren ter a información, senón recibirana cando o equipo de Goberno convoque a comisión correspondente”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button