Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

O partido socialista abre “a vía do diálogo” co BNG e con DO para un cambio de goberno na Deputación

 

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa executiva provincial, reunida na tarde-noite de onte, vén de manifestar que “estamos ante unha obriga histórica: o apoio unánime ao inicio das negociacións coa finalidade de propiciar un goberno de cambio na Deputación Provincial de Ourense”. Os socialistas acordaron tamén respaldar ao seu secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, como “interlocutor natural das negociacións”.

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense confirma deste xeito a aceptación da encomenda das alcaldías e portavocías da provincia de propiciar o cambio na Deputación Provincia. Os socialistas recollen tamén o sentir dos alcaldes do partido na provincia, así como dos voceiros dos diferentes municipios, que “avalan e promoven a necesidade deste cambio no goberno provincial”.

Dende o PSOE ourensán abren deste xeito a vía do “diálogo” con Democracia Ourensana e co Bloque Nacionalista Galego co “único obxectivo de chegar a acordos que permitan por fin a 36 anos de gobernos do clan Baltar e a 44 anos de gobernos da dereita na provincia”. Tamén considera que “estamos ante unha obriga e unha débeda histórica con esta provincia e cos veciños dos 92 concellos da provincia, que decidiron non darlle a maioría absoluta ao Partido Popular”.

A executiva provincial considera “primordial buscar dito acordo para aparta o PP do goberno provincial e por fin deste xeito á rede clientelar e caciquil promovida polos populares e consistente nunha trama de reparto indiscriminado de fondos públicos entre concellos afíns, co único fin de comprar vontades e de castigar a aqueles concellos que apostan por outras siglas distintas ás do PP”.

Artigos relacionados

Back to top button