Arredor da medianoite os responsables do partido socialista na provincia de Ourense facían na súa sede en Ourense unha valoración desta xornada electoral. Os resultados dábanlle a vitoria ao PSdeG-PSOE na cidade das Burgas cun total de 9 concelleiros, fronte a 7 do PP, 7 de Democracia Orensana, 2 de Ciudadanos e 2 do BNG.
“Somos o único partido que estaba na anterior corporación que subiu, os demais baixaron ou desapareceron. Temos unha cantidade de votos moi superior con respecto ás anteriores eleccións, máis de 4.000 votos”, resaltaba o cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.
Ademais amosaba o seu agradecemento “a toda a militancia que traballou con moita forza. É o momento da esperanza para Ourense, de saír da parálise, de traballar, de mudar por completo o que é esta cidade. En moi pouco tempo acabamos de forxar un novo equipo de goberno nesta cidade. Imos arrancar con toda a forza, con toda a ilusión, comeza un tempo novo”, engadía.
Xunto a el, o secretario de organización do partido socialista en Ourense, Juan Carlos Francisco, analizaba os resultados desta forza política no conxunto da provincia. “Temos uns resultados magníficos”, dicía entre aplausos, “isto pon de manifesto que o PSOE está en condicións de gobernar en todas as principais vila da provincia e tamén nas medianas, con maiorías absolutas como as do Carballiño e a do Barco. A desfeita do PP é importantísima”. No intre de facer esta valoración aínda non se tiñan datos finais no referente á Deputación de Ourense.
Fotos: Carlos G. Hervella.