CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O pianista trivés Fabio Álvarez presenta en Ourense o seu CD Musical Zodiac

Despois de actuar no Palacio de Longoria (Madrid) e no Musikene (Donosti), chega esta noite ao Liceo
Portada do disco de Fabio Álvarez.

A Pobra de Trives foi, ao longo da historia, berce de grandes músicos. Gaiteiros, acordeonistas, violinistas, pianistas,… Neste último grupo está Fabio Álvarez, un xove que vive a música con paixón dende neno. Sen deixar de formarse e actuar por todo o mundo, especializouse en diferentes campos como a música contemporánea, acompañamento vogal ou música de cámara, promovendo e estreando pezas para piano só e música de cámara.

Actualmente reside en Nova York (USA), onde combina a súa actividade como docente, director musical e representante do selo Orpheus Classical. Unha discográfica coa que vén de editar o CD Musical Zodiac, con pezas do galardoado George Crumb co que traballou persoalmente para este proxecto.

O disco conta cos volumes I e II do Makrokosmos “24 pezas de fantasía despois do Zodíaco para piano amplificado de Crumb, de aí o título (Zodíaco Musical)”, explica Fabio, engadindo que “cada unha delas está asociada a un signo do zodíaco e con el, o enigma das iniciais dunha persoa dese signo (entre elas o poeta español Federico García Lorca) e igual que os preludios de Debussy, cada unha ten un subtítulo: Primaveral Sounds; The Phantom Gondolier ou Cosmic Wind, entre outros”.

Para presentar o traballo, Fabio actuaba o día 26 no Palacio de Longoria (Madrid), o 27 en Musikene (Donosti), e o hoxe 29 de novembro farao preto de casa, no Liceo de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button