DeportesEnduroÚltima hora

O piloto barquense Diego Teixeira sube ao alto do podio no Campionato de España de Hard Enduro

Era primeiro na categoría Trofeo, na carreira disputada en Elgoibar (País Vasco)

Diego Teixeira na carreira de Elgoibar. /Foto cedida.

 

Tras un ano practicamente sen carreiras por culpa da pandemia, o pioto barquense Diego Teixeira afrontaba este 2021 con moitas ganas e especialmente centrado no enduro extremo, unha modalidade moito máis dura que o enduro convencional que se lle está dando especialmente ben.

Mostra diso son os últimos resultados colleitados, mellorando postos conforme se ían disputando as probas. Nos últimos meses participaba na Morcegos Extreme e na Galo’s Extreme, ámbalas dúas en Portugal e con bos resultados, e a comezos de novembro subía ao alto do podio na terceira proba da Copa de España de Hard Enduro celebrada en Guadalaxara. A mesma posición que conseguía esta fin de semana na carreira do Campionato de España de Hard Enduro celebrada en Elgoibar (País Vasco).

 

 

Tal como conta o propio Diego, o sábado (20 de novembro) o terreo estaba moi húmido e con algo de lama pero non chovía. “Era o día da pasada cronometrada clasificatoria para a saída do domingo e o certo é que ao dar a volta de recoñecemento xa me gustou o circuíto e a primeira cronometrada saíume perfecta, facéndome coa pole por pouco, só 5 segundos por diante do segundo piloto”, explica, co cal o domingo pudo elixir sitio na grella de saída colocándose terceiro na primeira curva.

A metade da carreira empezou a chover complicándose aínda máis o terreo pero o barquense logrou manter o ritmo, pelexando case toda a carreira cun piloto de casa que finalmente fallaba  nunha subida de lama o que lle daba a oportunidade a Diego de escapar, rematando no primeiro  posto na categoría Trofeo.

 

 

A próxima cita, a última deste ano, é o 4 e 5 de decembro en Infiesto (Asturias) pero por motivos personais Diego non poderá asistir. Unha mágoa non poder poñer o broche a unha estupenda tempada dun piloto que espera conseguir algún tipo de patrocinio de cara ao vindeiro ano “para poder asistir a todas as carreiras e loitar polo campionato”, asegura.

 

Artigos relacionados

Back to top button