
O Rallye de Ourense-Ourense Termal comezará na tarde de mañá, 17 de xuño, co tradicional tramo espectáculo na Cidade do Transporte no polígono industrial de San Cibrao das Viñas. É algo que vén sucedendo dende o ano 2010 pero nesta ocasión virá con cambios en relación ás últimas edicións. O percorrido será máis longo e os afeccionados poderán disfrutar o dobre de tempo dos coches de competición, polo que se adianta o seu inicio unha hora con respecto ao 2015, pois arrincará ás 19:30 horas.

A especial disputarase integramente sobre asfalto cun percorrido de 3,33 km. É o máis longo dos disputados até o momento, nos seis anos que se leva levando a cabo. Pero a gran novidade para que sexa así é que os participantes darán case dúas voltas completas ao trazado previsto, polo que as saídas dos coches faranse cada dous minutos en orde decrecente ao da lista de inscritos. En canto ao deseño, modificouse o punto de partida pero mantense a chegada no mesmo lugar.
Ademais, como teloneiro da gran festa do motor, o 49ROU contará coa presenza do piloto catalán Xevi Pons, que deleitará ao público cunha exhibición inaugural a bordo dun Mitsubishi Lancer Evo X.