BoxeoDeportesÚltima hora

O piragüista Jesús R. León recibe a Barca de Ouro 2022 do ‘MFC Showdown 018’ celebrado no Barco

A velada de deportes de contacto contou coa participación de Felipe Morales e Jonathan Álvarez do Club Kickboxing Valdeorras

 

A competición de contacto regresaba na noite deste sábado 9 de abril ao Barco de Valdeorras, con dúas veladas nunha mesma gala. Da man do Mamba Figth Club dirixido por Diego Vázquez e do Club Kickboxing Valdeorras con Juan J. Pardo Bravo, o pavillón vello barquense acollía unha nova edición do ‘MFC Showdown 018’ Concello do Barco con Felipe Morales e Jonathan Álvarez como representantes valdeorreses.

 

O piragüista Jesús R. León coa Barca de Ouro.

 

O evento comezaba ás 20 horas coa entrega do premio ‘Barca de Ouro’, un galardón ideado pola organización para “distinguir a deportistas e adestradores barquenses pola súa traxectoria”, en palabras do responsable do Club Kickboxing Valdeorras, Juan J. Pardo, que recollía o piragüista Jesús Rodríguez León que conta cunha dilatada carreira e vida deportiva, con moitos premios e trofeos ás costas, varios deles internacionais. Habitual nos podios provinciais, autonómicos e nacionais de augas tranquilas, así como en nacionais e internacionais na disciplina de maratón, Rodríguez León tamén conquistaba o campionato do mundo en Pitesti (Romanía) en setembro de 2021 na categoría 40-44 anos.

 

A Barca de Ouro.

 

Para entregar o trofeo, unha fermosa barca de resina e madeira sobre unha base de lousa, elaborada artesanalmente e de forma expresa para a ocasión, subían ao cuadrilátero todos os loitadores da velada cos seus respectivos adestradores, así como representantes da Federación de Boxeo e o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso.

 

 

De seguido comezaba a competición, dividida en dúas partes. A primeira de combates de boxeo amateur e neo-profesional con equipos de Ourense, O Bierzo e O Barco con Felipe Morais (-68 kg) e Jonathan Álvarez (-63 kg) do Club Kickboxing Valdeorras. A segunda parte da gala foi para os combates amateur de Kick Boxing e K1, rematando con dous grandes combates profesionais: loita de Muay Thai -58 kg e combate de K1 profesional -62 kg.

Máis información na vindeira edición de O SIL Deportivo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button