ConcellosO BarcoÚltima hora

O pleno do Barco aproba a modificación da ordenanza da ORA

 

Entre os asuntos abordados na sesión plenaria ordinaria celebrada na tarde do 7 de xullo por parte da Corporación municipal do Barco estaba a proposta da alcaldía de modificación do regulamento municipal do servizo público de ordenación e regulación de aparcamento de vehículos na vía pública, a chamada ORA.

O voceiro municipal socialista, Aurentino Alonso, expoñía as motivacións desta reforma. “Derivado da situación pandémica producida polo Covid-19 e, como medida de apoio á hostalaría, varias das prazas do servizo ORA atópanse ocupadas por terrazas. Ademais é preciso proceder á nova licitación do servizo, dotándolle dun marco xurídico que se adapte á nova realiade e as novas necesidades que se determinen”.

Nese senso realizouse esta modificación da ordenanza que implica cambios como a delimitación da zona ORA que inclúe novas zonas. Así as vías urbanas con ORA serán a seguintes: Conde Fenosa, Marcelino Suárez, Manuel Quiroga (ata rúa Cantón), Eulogio Fernández, Abdón Blanco, Estación, Eloy Rodríguez Barrios (dende a rúa España ata a rúa Santa Rita), España, Balorca, Praza do Príncipe, Academia Dequitd, José Otero, Malecón (zona Casino), Pérez Lista, Pescadores, Álvaro Cunqueiro, Praza do Sagrado, Rosalía de Castro, Praza Clara Campoamor. Tamén desaparece da ordenanza a rúa das Airas, xa que agora non se permite aparcar nela.

Outra das novidades refírese á forma de pago. Ata agora era cun tícket horario de aparcamento, obtido en máquinas expendedoras instaladas na mesma vía pública nas que se introducían moedas. A reforma da ordenanza supón que tamén se poderá pagar “mediante pago en remoto a través de dispositivos móbiles ou páxina web, debendo o usuario rexistrarse previamente neste servizo. No caso de pagamento por este medio, o sistema recoñecerá a matrícula do vehículo cando o controlador realice as inspeccións pertinentes”.

 

 

Dende a oposición, o voceiro de Riada Cidadá, Félix García, sinalaba que “nos opuxémonos á zona ORA tal e como está concebida, defendemos o sistema de reloxio como hai en moitos sitios”. Pola súa banda, a portavoz do grupo do PP barquense, Sabina Aguado, preguntaba se esta modificación implica que as terrazas instaladas “inicialmente de forma temporal por mor do Covid, van quedar así ou se van levantar” e tamén se a ORA “reporta algún tipo de beneficio económico ao Concello”.

Na quenda de respostas, o socialista Aurentino Alonso contestaba que “o que se fixo foi unha reordenación, perdéronse 40 prazas coas terrazas e agora xeráronse outras 40 novas noutros espazos, isto non vai supor máis beneficios para a empresa. O tema das terrazas manterase mentres continúe a situación que estamos a vivir”. Nesta mesma liña, o alcalde do Barco, Alfredo García, incidía en que a medida das terrazas “veu para quedarse, non hai ningunha intención de eliminar esas terrazas”.

Finalmente a modificación da ordenanza saía adiante por 11 votos a favor e 5 en contra.

Outro dos puntos aprobados, desta volta por unanimidade, era o relativo á modificación do prezo público da Escola Infantil municipal para establecer o carácter gratuíto do servizo.

 

Artigos relacionados

Back to top button