
O Pavillón Municipal da Pinguela, en Monforte de Lemos, será escenario do 25 ao 27 de abril, do Preeuropeo de Voleibol Feminino Sub16 que enfrontará ás seleccións de Italia, Finlandia, Austria e España por unha das dúas prazas que dan acceso a participar no Campionato de Europa.
A tenente de alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán e o Concelleiro de Medioambiente, Servizos, Obras e Medio Rural, José Luis Losada, achegábanse o pasado día 16 pola mañá ata o polideportivo para dar a benvida ás xogadoras da selección, durante unha das súas xornadas de adestramento.
Gloria Prada, en representación do grupo de Goberno, quixo transmitirlles ánimo e forza para os próximos días, dende o convecimento de que a selección está a facer todo o esforzo posible para acadar o mellor resultado no Preeuropeo. As 16 xogadoras que estaban nunha das súas sesión de adestramento liderada polo seleccionador español, Juan Carlos Suárez, agradeceron o xesto de cariño e manifestaron o seu entusiasmo ante a competición que se celebrará nos próximos días, así como a súa alabanza polas instalación deportivas de Monforte.

xoves pola tarde, as catro seleccións participantes, xa realizaron os seus adestramentos oficiais que repetiron hoxe pola mañá, antes de dar inicio a competición ás 17 horas co primeiro dos encontros que enfrontará ás seleccións de Austria e Italia. España estrearase no campionato ás 19:30 horas ante a selección de Finlandia.
Os encontros correspondentes á xornada do sábado, serán os que enfrontarán ás seleccións de Finlandia e Italia, ás 17 horas, e ás seleccións de España e Austria ás 19:30 horas. Na derradeira xornada do domingo terán lugar os encontros entre Austria e Finlandia ás 17 horas e España e Italia as 19:30 horas.
A entrada a este evento deportivo organizado pola Federación Española de Voleibol e que conta co patrocinio do Concello de Monforte é completamente gratuíta e dende o Concello de Monforte animan “a todos os monfortinos e afeccionados do voleibol e do deporte en xeral, a que se acheguen para desfrutar desta competición e para animar á nosa selección a que acade os mellores resultados posibeis”.



