En portadaÚltima horaVídeos

O polígono industrial do Barco poderá ampliar nuns 200.000 m2 a súa superficie

Isto será posible grazas á modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), que empezará en breve a súa tramitación ambiental

 

No vindeiro ano 2022 o Polígono Industrial da Raña, no Barco, poderá ver ampliada a súa superficie. Así o anunciaba o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, na visita que realizaba esta mañá a este municipio. “Estamos modificando o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, que é o instrumento estratéxico que delimita aqueles ámbitos que se consideran de carácter supramunicipal, é dicir, que determina as áreas empresariais que poidan ser de interese autonómico. Neste caso está incluído o Parque Empresarial da Raña e o que pretendemos é incluír unha modificación, que se vai empezar a tramitar nos próximos días, onde se suprimiría o ámbito que estaba incluído no Plan Sectorial cunha superficie inicialmente de 118.000 m2 para incluír unha zona duns 206.839 m2 que se habilitaría urbanisticamente para que poida ser posteriormente desenvolto como unha amplicación deste parque”, aseguraba.

Esta ampliación, engadía o director do IGVS, “será incluída na modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais que empezará a súa tramitación ambiental nos próximos días e esperemos que a mediados do vindeiro ano poida estar definitivamente aprobado”. Isto faría posible que, “acompasado co esgotamento do solo que se poida ir producindo nas fases segunda e terceira que estamos neste momento comercializando, se poida ir facer o desenvolvemento e o crecemento deste parque”.

Por outra banda, Heriberto García, anunciaba que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a resolución pola que se anuncia un novo concurso de venda de solo empresarial con bonificacións de ata o 50% nos parques que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Serán en total 116 parcelas que suman unha superficie de preto de 282.000 metros cadrados e se distribúen en 17 polígonos, un deles o do Barco.

 

 

Nesta visita a Valdeorras, o director do IGVS estivo acompañado polo rexedor municipal, Alfredo García, así como por membros da Corporación e representantes de dúas asociacións de empresarios da zona (a do propio polígono da Raña e AEVA) aos que lles explicaba que a Xunta ofertará neste polígono 13 parcelas con case 37.600 m2 e un desconto sobre o prezo de venda do 50%.

O rexedor barquense poñía en valor “as dúas actuacións que se publicitan hoxe. Por unha banda, que estes 37.000 m2 da segunda e da terceira fase, aínda sen dono, teñan esa rebaixa do 50% e entendemos que 28 euros/m2 cos servizos e toda a urbanización feita é un prezo realmente competitivo. Este era un tema que estabamos esperando e a min cónstame que hai algún interesado nestas parcelas e que está pendente de que isto salga, imos ver se é certo e se finalmente se fan esas adquisicións e damos lugar a novas industrias”.

 

 

Alfredo García tamén resaltaba a importancia da ampliación do parque, na que o Concello vén traballando nos últimos anos. “O plan hidrolóxico cercenou a cuarta e a quinta fase do polígono, que eran uns 100.000 metros, iso xa o sabemos dende hai tempo e polo tanto toca ampliar. E o que se fai é transformar o solo do polígono que está catalogado como residencial en industrial. Temos que empezar a pensar, tamén, cara onde vai crecer o polígono. Esta é a primeira ampliación seria do polígono e oxalá dentro de pouco haxa que estar aquí presentando unha fase máis porque iso significará que chegan empresas e que, polo tanto, se xera emprego”.

No seguinte cadro recóllese o detalle por parques empresariais do número de parcelas, superficie e bonificacións a aplicar no marco do concurso que sairá publicado mañá no Diario Oficial de Galicia (Fonte: IGVS):

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button