CulturaCultura

O Potiños prepara un curso de iniciación á fotografía para a mocidade

 

Manuel Blanco e Diego Fernández.

A Asociación Fotográfica O Potiños, en colaboración coa concellalía de Cultura do concello do Carballiño, organiza dous cursos de iniciación á fotografía para a mocidade, que se desenvolverán os días 20 e 27 de maio na Aula José Suárez de Partovia.

O sábado 20 de maio terá lugar o primeiro curso, que está dirixido a mozos de 10 a 13 anos. E o sábado 27 de maio terá lugar o segundo, dirixido a mozos de 14 a 17 anos. Ambos cursos desenvolveranse en horario de 10:00 a 13:00 horas.

Para ambos cursos as prazas son limitadas, “co obxectivo de facilitar a aprendizaxe da técnica fotográfica”, din dende o Concello. Así, establécese un máximo de 15 prazas por cada curso. Non obstante, no caso de que se superen as inscricións, a asociación valora ampliar os cursos noutras datas.

Os cursos son totalmente gratuitos e para participar só hai que inscribirse na área municipal de Cultura do concello, e acudir cunha cámara fotográfica o día da realización do curso.

Esta iniciativa foi presentada hoxe, 20 de abril, polo presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco, e polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández. Este agradeceu o labor que desenvolve a asociación ao longo do ano e destacou “a importancia de ofrecer este tipo de cursos para que a mocidade se implique na aprendizaxe da fotografía e poida participar nas actividades da asociación”. Ao respecto, Manuel Blanco adiantou que no caso de que esta experiencia resulte positiva, “a asociación podería crear unha sección xuvenil”.

O presidente agradeceu a colaboración do Concello e, sobre todo, a do profesor José Emilio Gómez, que será quen imparta os cursos e que incluso cedeu unha vivenda propiedade súa como sede social da Asociación Fotográfica O Potiños, a Aula José Suárez, en Partovia. Precisamente, estes cursos desenvolveranse nesta aula, polo que deberán ser os pais ou quen designen quenes leven e recollan aos rapaces, apuntan dende a organización do curso.

 

Artigos relacionados

Back to top button