Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

O PP do Barco aposta por “invertir a espiral negativa de esquecemento e recesión que lastra ao municipio”

A súa candidatura ás eleccións locais do 28M, que lidera Manuel Núñez "Noli", presentábase esta tarde

 

Con obxectivo de reverter “espiral negativa de esquecemento e recesión que lastra ao noso querido pobo dende hai demasiado tempo” preséntase a candidatura do PP no Barco ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. A lista, encabezada polo barquense Manuel Núñez “Noli”, está formada por un “equipo renovado de candidatos procedentes de difentes horizontes e profesionalidades. Estamos moi motivados, ilusionados e preparados para intentar, co apoio de toda a cidadanía, dar un volco positivo á situación crítica que sofre O Barco dende hai demasiado tempo”, dicía Eliseo Fernández, número 7, que actuaba como voceiro no acto de presentación da candidatura que tiña lugar esta tarde na sede local do PP no Barco.

 

 

Fernández aseguraba que este pobo, “que os menos mozos coñecemos como vila da cordialidade, estase convertindo como a miúdo escoitamos de gran parte da poboación de distintos lugares e parroquias no pobo da discordia. A situación actual que padece O Barco de Valdeorras pódese equiparar a travesía doutro navío traxicamente coñecido, o Titanic. Dende aquí pretendemos nun primeiro tempo reflotar o noso querido Barco de Valdeorras impedindo que se adentre cada vez máis nos abismos do esquecemento, perda de poboación, ausencia de empresas importantes, incremento da delincuencia, aldeas e barrios completamente abandonados que levan ao peche de comercios de proximidade e servizos. Estes feitos son a consecuencia da política irresponsable e irrespectuosa do actual equipo de desgoberno do Concello”.

 

Eliseo Fernández, na súa intervención.

 

Neste senso, Fernández adiantaba algunhas das liñas básicas do que será o seu programa, cunha visión conxunta do municipio. “Consideramos que o noso pobo non se reduce única e exclusivamente ao Paseo do Malecón e á praza do Concello. A nosa candidatura propón promover eventos deportivos e turísticos en diferentes sectores como o vinícola, o Camiño de Inverno, o sendeirismo, o turismo rural, etc. Temos moito potencial en todas estas áreas nun Barco de Valdeorras que é un paraíso natural, pero a día de hoxe resulta practicamente imposible promover este tipo de actividades sociais e empresariais e desenvolver ese potecial polas pésimas comunicacións férreas e terrestres”.

 

 

Por outra banda, a candidatura popular resalta que pretende “potenciar a convivencia e non a confrontación entre veciños como a están fomentando os dirixentes actuais do Concello. Executan obras sen previa consulta e venden proxectos totalmente ilusos. E poño un exemplo: o desencanto veciñal que xeraron as recentes obras realizada na avenida do Bierzo. Por isto e outros motivos”, conclúen,”co voso apoio, consultando e atendendo as demandas da veciñanza de todas as idades, dende os máis mozos ata os máis maiores, temos a ilusión, a esperanza e o compromiso de liderar esta vila”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button