
O PP daba a coñecer na mañá do 4 de outubro os nomes dos seus candidatos á alcaldía dos concellos da comarca do Carballiño. O acto tiña lugar na Casa da Cultura do Carballiño e nel participaban tamén o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, o secretario xeral do partido na provincia, Rosendo Fernández, e o voceiro do PPdeG, Miguel Tellado Filgueira.
Así no decurso da presentación coñecíase que os empresarios Manuel Penedo Paradela (55 anos) e Alejandro González González (53 anos) encabezarán as listas populares do Irixo e de Maside, respectivamente, mentres que en Boborás o candidato será o médico xubilado Cipriano José Caamaño Castro (65 anos).
Tamén en Beariz volverá a presentarse o profesor de secundaria Manuel Prado López (56 anos), en Punxín, Manuel Vázquez Fernández “Casalta” (74 anos), e en San Amaro Ernesto Pérez González (46 anos), mentres que en Piñor a lista será liderada por José Luis González Rodríguez (47 anos).
Tamén optarán de novo á alcaldía Argimiro Marnotes (arquitecto técnico, 48 anos) no Carballiño e José Luis Valladares Fernández (68 años) en San Cristovo de Cea.