DeportesPescaÚltima hora

O prazo para participar nos sorteos para obter os permisos de pesca do 2024 estará aberto ata o 27 de outubro

A finais de novembro realizaranse dous en cada provincia, correspondendo un deles ás licencias de salmón e o outro aos restantes tipos de permisos

 

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos de cara á tempada 2024.

Como en anos anteriores, realizaranse dous por provincia: un para os permisos de salmón e outro para os restantes tipos de permisos, entre os que se inclúen os de troita, reo, pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior. A data prevista para a realización do sorteo é o 28 de novembro.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá, e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de outubro ás 24 horas. Deste xeito, o 7 de novembro publicaranse as listas provisionais coas persoas excluídas e admitidas no proceso e o 21 dese mesmo mes sairán as definitivas.

As solicitudes deberanse presentar preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. De forma opcional, tamén se poderán presentar as solicitudes en papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei de procedemento administrativo. Cada participante só poderá figurar nunha solicitude individual ou nun grupo para cada un dos sorteos. Os resultados poderán consultarse na web de pesca fluvial e nos servizos provinciais de Patrimonio Natural. Ademais, cada solicitante deberá consultar na citada páxina o día e rango horario no que lle corresponderá escoller os permisos.

 

 

Na fase de escolla dos permisos, os solicitantes poderán optar a participar empregando a vía telemática ou ben mediante unha chamada aos teléfonos que lles serán indicados durante o desenvolvemento do procedemento. No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente. Nos casos nos que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, poderase xustificar o seu pago mediante o envío por correo electrónico da copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado.

Aquelas persoas que no prazo fixado non realicen o pago dos permisos reservados en tempo e forma, entenderase que renuncian á súa participación na fase de escolla, e non poderán adquirir novos permisos na aplicación informática durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas. No caso de realizar o pagamento dos permisos reservados fóra do prazo establecido, habilitarase o acceso á aplicación informática na fase de venda libre.

Nas oficinas provinciais de Patrimonio Natural manteranse os servizos de información e expedición de permisos. O regulamento de pesca continental establece que se sortearán entre os pescadores que así o soliciten os permisos sobrantes, despois de adxudicados aqueles reservados para turismo, concursos deportivos oficiais e para entidades colaboradoras.

 

Artigos relacionados

Back to top button