“Amandi, Amaral… cantas letras temos en común! Ou quizais é que nesta terra conxúgase como en ningún outro sitio o verbo amar. Non en balde, foi o amor o que me trouxo ata aquí hai algúns anos, e a paixón que derrochades en todo o que facedes, o que me conquistou definitivamente”. Con estas palabras encetaba a cantante e compositora Eva Amaral o pregón co que se inauguraba de xeito oficial a XLI Feira de Amandi este mediodía en Sober.
Na súa intervención resaltaba o valor da viticultura heroica propia destas terras da Ribeira Sacra, “é algo máis que unha tarefa: é vocación e devoción. Non fai falta que vos diga que sodes heroicos porque o voso valor vai máis aló de calquera etiqueta. Quizais sexa a beleza que vos rodea o catalizador de todo o extraordinario que levades dentro. A brisa deliciosamente perfumada que respirades ao camiñar entre fentos e carballos. O sol que vos bendí e a néboa que enche de delicado misterio os amenceres. A auga que leva o Sil, sacro corazón de Amandi, ata as súas veas capilares, os incontables regatos que serpentean nos meses máis húmidos”, asegura Amaral, á quen o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián presentaba como “conveciña”, destacando ademais que este é o seu segundo pregón. “Primeiro foi o do Pilar en Zaragoza e logo o da Feira do Viño de Amandi, quizais as dúas festas máis importantes do mundo”.

O pregón, xunto coa actuación da Banda de Música de Sober, poñía o broche a apertura oficial deste certame, no que hoxe e mañá poderán degustarse os viños dunha vintena de adegas soberinas nun recinto feiral con aforo controlado e con estritas medidas de seguridade fronte ao Covid. Unha apertura oficial que se encetaba ás 11h. co xa tradicional corte de bacelos a cargo da familia de Benito Rivas Valdés, co-fundador da Feira do Viño de Amandi, falecido recentemente.

Logo entraba no recinto feiral a Banda de Música de Sober e tras interpretar un par de pezas tomaban a palabra as autoridades presentes, abrindo as intervencións o alcade de Sober quen lembraba que, novamente, esta é unha edición “absolutamente atípica” da feira, debido á situación sanitaria actual. “Por segundo ano consecutivo non puidemos festexela no Domingo de Ramos, tal e como viñamos facendo dende hai 40 anos”, dicía Luis Fernández Guitián, matizando que a pasada edición pasaba a súa data a decembro “para manter vivo o espírito da cita e non peder a edición corresponde o calendario. Este ano tampouco quixemos deixar adiada a celebración e, adaptándonos ás circunstancias, aquí estamos unha edición máis homenaxeando aos nosos viticultores e viticultoras porque ese é o verdadeiro obxectivo da celebración, unha homenaxe aos que día a día, mes a mes, facedes posible que poidamos presumir do mellor viño do mundo e, loxicamente, poidamos tamén degustalo”.

A continuación, interviña o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen incidía na relevancia desta cita vitivinícola, tanto en Galicia como fóra da comunidade, “é un evento que trascende as nosas fronteiras, un escaparate de promoción moi importante para os viños da Ribeira Sacra e que pon en valor o rico patrimonio vitivinícola desta comarca”. Así mesmo, Tomé aludía á importancia do enoturismo como elemento de dinamización socioeconómica e que “xera un efecto multiplicador e transversal” que beneficia directamente a sectores como o hostaleiro ou ao comercio local.
Finalmente, tomaba a palabra o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; quen reafirmou o compromiso da Xunta coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. “O noso compromiso continúa intacto e seguimos traballando, con máis forza se cabe ca nestes últimos anos, para protexer e impulsar a Ribeira Sacra”, dixo o conselleiro, destacando o labor realizado ata o momento, “neste camiño cara a inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade.
Programa de actos da XLI Feira do Viño de Amandi
Nesta xornada os visitantes da mostra poderán degustar os viños dunhas 18 adegas no recinto feiral: Algueira, Barbado, Cruceiro, Marcelino I, Malcavada, Estrela, Val de Lenda, Lucenza, Finca Cuarta, A Carqueixa, Petrón, Cividade, Don Bernardino, Viña Peón, Regina Viarum, Mezquita, Guímaro e Rectoral de Amandi.
O programa de actos para mañá, xoves 12 de agosto será o seguinte, incluirá ademais ás 11:00 horas a actuación de Os Xograres de Lemos, así como ás 13:30h. a entrega de premios da Cata oficial da mostra.

Acceso á feira
Para acceder á feira será preciso ter entrada. O recinto está delimitado e haberá control de aforo para cumprir coas normas sanitarias en vigor. Neste senso, a organización da mostra, en mans do Concello de Sober, conta coa colaboración da agrupación de voluntarios de Protección Civil.
Fotos: Carlos G. Hervella.