Participa activamente nos cultos, especialmente na Procesión do Viacrucis co Cristo dos Ferroviarios, e neste 2025 facíao dun xeito especial. A proposta do párroco, Jesús Álvarez, a escritora valdeorresa María Carmen Gago Florenti, responsable da sección de Poesía do IEV, era a pregoeira que na tarde deste sábado 12 de abril abría oficialmente a Semana Santa no Barco de Valdeorras.
“Trátase dunha muller moi inqueda e implicada artisticamente que participa na procesión recollendo e recitando poemas do seu pai, polo que me pareceu interesante darlle unha ollada poética ao pregón”, aseguraba o párroco, adiantando que lle lle suxeriu que non fose unha crónica día a día da Semana Santa, senón que incluso podía ser poético.
E así o facía, no medio da misa das 20 horas na igrexa de San Mauro, e tras o sermón, o propio sacerdote daba a palabra á Gago Florenti que deleitaba aos presentes cun pregón “breve, intenso e poético”, tal como el quería.
Entre verso e verso que “serán impresos para que todo o mundo os poida ler con calma cando remate a Semana Santa”, non faltaron as lembranzas ao Cristo da Misericordia, máis coñecido como o Cristo dos Ferroviarios donada pola familia Blanco Trincado de cando chegou á estación de ferrocarril sendo ela unha nena acompañada polo seu pai José Ramón Gago que lle adicou longos e fermosos poemas que ela mesma lle recita cada ano.
Fixo tamén un breve repaso polos pensamentos “cargados de emoción e ligados a este santuario”. As primeiras misas cantadas, actuacións co Orfeón Valdeorrés, as procesións do Venres Santo, as batallas cos ramos de oliveira o Domingo de Ramos e mesmo a chegada dos Reis Magos,… “Interminables momentos unidos a este lugar sagrado que saíron do desván dos sonos para ocupar de novo a efémera actualidade do tempo ido”, dixo, rematando co seu poema Como nos tuvo que amar, antes de desexarlles a todos unha grata Semana Santa.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.