Co principal obxectivo de coñecer de primeira man o estado na zona do Aguillón para avaliar a posibilidade de realización na primavera de 2024 distintas probas deportivas, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín visitaba hoxe A Rúa.
Acompañado na súa visita polo concelleiro do grupo de goberno Avelino Fernández Seco, e polo director técnico da delegación valdeorresa de Atletismo, Sanmartín amosouse “gratamente sorprendido polas posibilidades que oferta a área deportiva do Aguillón para a realización de probas de cross así como pola abundante tradición que ten A Rúa na práctica de distintas disciplinas atléticas”, aseguran dende o Concello. Nese senso, Concello e Federación están a traballar na celebración na Rúa do vindeiro Campionato Galego de Cross nas súas categorías inferiores e tamén na de veteranos.
Fernández Seco destaca o compromiso do Concello da Rúa “coa práctica do deporte así como os esforzos que se están a realizar para garantir as mellores condicións posibles no desempeño das diferentes actividades”, subliñando que “a área recreativa do Aguillón e a chopeira teñen demostrado xa con anterioridade que ofrece unhas condicións inigualables para a práctica de cross ao máis alto nivel”.