OurenseÚltima hora

O presidente da Xunta reúnese na Cidade das Burgas co alcalde de Ourense

Alfonso Rueda e Gonzalo Pérez Jácome acordaron "seguir avanzando unidos en actuacións en materia de mobilidade, termalismo e promoción turística en beneficio da cidade"

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde do de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acordaron “seguir avanzando unidos en actuacións en materia de mobilidade, termalismo e promoción turística en beneficio da cidade”, e así  o ratificaban na que foi a segunda reunión -dentro da rolda de encontros que está a realizar o presidente do Executivo autonómico- cos alcaldes das principais cidades galegas e que neste caso, segundo as súas palabras, resultou “cordial e operativa” e tamén “construtiva”.

Entre as cuestións abordadas, Rueda admitiu que tanto el como o alcalde compartiron no encontro a “preocupación” pola “urxencia de consignacións moi importantes” por parte do Presupostos Xerais do Estado con respecto a Ourense. Nese senso, criticou que se anunciaran como “moi expansivos, cando en materia de investimentos en Galicia son todo o contrario”. En concreto, referiuse á conexión da autovía Lugo-Ourense, da que advertiu que nos Orzamentos Xerais do Estado “só se recollen fondos para un tramo pequeno”; mentres que sobre a autovía Ponferrada-Ourense alertou que hai orzamentados uns 500.000 euros, o que evidencia un “panorama máis sombrío aínda”, lamentou. E no caso da variante exterior de Ourense, apuntou que os fondos que recollen as contas públicas son só para os treitos xa licitados, mentres que “non hai nada para licitacións novas”, incidiu.

O presidente galego remarcou que tanto a Xunta como Concello de Ourense agardan que neste 2023 se liciten as obras que debe levar a cabo ADIF para que a estación de tren sexa verdadeiramente intermodal. “É urxente xa que a estación de Ourense non está á altura da chegada do AVE a Galicia e á altura desta cidade”, lamentou. Por estes motivos, insistiu en que tanto para a Xunta como para o Concello é unha cuestión que “lle preocupa moito desde o punto de vista turístico e da imaxe de Galicia”.

 

O presidente da Xunta Alfonso Rueda e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez.

 

Rueda tamén anunciou que no encontro lle propuxo ao alcalde a integración do Concello de Ourense no Transporte Metropolitano da Xunta, unha proposta que -segundo apuntou- Pérez Jácome considerou asumible.

Ademais, tamén abordaron a posibilidade de comarcalizar o parque de bombeiros de Ourense para completar a Rede de Emerxencias de Galicia co obxectivo de que “calquera galego viva onde viva teña un servizo de emerxencias profesional a menos de 20 minutos”. Neste senso, amosou o interese da Xunta de avanzar nesta posibilidade “para que no 2024 comece a ser unha realidade”.

En materia de mobilidade, o presidente da Xunta puxo en valor o importante esforzo que está a facer o Goberno galego nas rúas de titularidade autonómica. Así, apuntou a senda urbana de cinco quilómetros que pasará pola Ponte Romana, segue en paralelo ao río Barbaña, ata o hospital, e o pavillón dos deportes da Paz. En total, esta infraestrutura contará cun investimento global de seis millóns de euros. En concreto, avanzou que neste mes de decembro adxudicarán dous millóns de euros para a remodelación do treito que pasará pola avenida de Caldas.

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda durante as declaracións trala reunión.

 

No encontro, tamén abordaron o sector do termalismo que cualificou de “clave” e “de tanto futuro” para a cidade. Por iso, ofreceulle ao Concello de Ourense todo o asesoramento que necesite da Xunta para adaptarse á nova Lei de aproveitamento lúdico das augas termais. Así, confirmoulle a Pérez Jácome que o Goberno galego lle concederá máis flexibilidade -tal e como lle demandou o rexedor- para realizar obras coas axudas de 470.000 euros que recibiu do Executivo autonómico para adecuar as termas que existen na cidade. Deste xeito, confirmou que se ampliará o prazo un mes máis, ata o 1 de decembro, e adiantou que na próxima convocatoria permitirase que os concellos poidan executar as actuacións en varios anos.

Do mesmo xeito, Rueda tamén comprometeu a remodelación por parte da Xunta da antiga oficina de Turismo dos arredores da Ponte Romana para axeitala á súa contorna e darlle “toda a dignidade” que merece o edificio. A pretensión, segundo concretou o presidente, é que a oficina estea lista no verán que vén e sexa o “punto de referencia” para os turistas que cheguen a Galicia. Ademais, avanzou que, á petición do alcalde, os servizos turísticos do Concello de Ourense trasladaranse a esta oficina coa idea de “optimizar recursos”.

O presidente indicou que se destinará “entre 400.000 e 500.000 euros” neste acondicionamento que cualificou de importante, xa que lembrou que Ourense é a “porta da entrada” dos peregrinos e visitantes que chegan pola Vía da Prata e pola “posibilidade inmensa” que ofrece a chegada do AVE a Galicia por esta cidade.

Artigos relacionados

Back to top button