OurenseÚltima hora

O programa de Emprego Xuvenil da Deputación pretende formar a máis de 400 desempregados

Esta iniciativa céntrase no sector das novas tecnoloxías e ofrecerá seis cursos formativos con posibilidades de contratación en empresas
Baltar e Ballón xunto aos mozos que acudiron hoxe á primeira sesión formativa.

A Molinera acolleu hoxe a primeira sesión formativa do programa de Emprego Xuvenil que leva a cabo a Deputación de Ourense en colaboración coa Escola de Organización Industrial, unha entidade dependente do Ministerio de Industria.

Tras a sesión formativa, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o Director Xeral da Escola, Fernando Ballón, deron a benvida aos asistentes a esta xornada na que se presentaba un curso sobre programación en Java, “unha das demandas que o sector electrónico da provincia fai”, asegurou o presidente provincial. Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Deputación e ten un orzamento superior a 1.200.000 euros, segundo informou Manuel Baltar.

Esta iniciativa de emprego para a mocidade de 16 a 30 anos dividirase en seis programas de formación e, segundo cifrou Manuel Baltar, “esperamos mover de 400 a 450 empregados”. Asemade, no eido da contratación empresarial, o xefe do Goberno provincial sinalou que os desempregados poderán ter unha incorporación ao mercado laboral ” practicamente inmediata”. Porque “diso se trata, da formación”, apuntou. Este programa tamén inclúe un incentivo empresarial “de 5.000 euros” para a contratación e outro “para o autoemprego e o emprendérente”, unha materia que tiveron en conta para facer esta alianza entre institucións, así o dixo o presidente Manuel Baltar.

Para avalar as súas palabras en materia de emprego, o xefe do executivo provincial fixo referencia ao seu encontro o pasado sábado coa ministra de Emprego, Fátima Báñez, en Santiago: “comenteille os case corenta meses ininterrompidos de baixada das cifras de parados na provincia, que é un dato estatístico, xa que é unha cifra que sae do Observatorio Económico Provincial”. Ante esta perspectiva, Manuel Baltar dixo que o que hai que seguir facendo é “continuar por esa senda da recuperación apostando por emprego, e de calidade”.

Pola súa banda, o Director Xeral da Escola de Organización Industrial, Fermando Ballón, contou que esta fundación pública “leva 60 anos traballando nos distintos modelos de formación”, reiterando que o que os diferencian das outras escolas é “o noso carácter público e as actividades que desenvolvemos”.

O Director Xeral asegurou que a crise afectou duramente aos máis mozos, sinalando que é a xeración “mellor preparada que podamos atopar historicamente no noso país”. Reiterou que isto é un contrasentido xa que “se son mozos e están moi ben preparados, como non poden ter uns empregos de calidade?”. Ballón respondeuse a si mesmo asegurando que as circunstancias empresariais e económicas non favoreceron a esa contratación.

Ballón dixo que cando fan programas de formación “buscamos eses nichos de mercado nos que hai unha maior posibilidade de colocación”. É por iso que se centraron neste programa de Emprego Xuvenil para formar a profesionais no sector tecnolóxico. Fernando Ballón aconselloulles aos asistentes que a especialización “é a clave” para a colocación, e sobre todo neste sector tecnolóxico.

 

Artigos relacionados

Back to top button