OurenseÚltima hora

O Programa Municipal contra o Frío reforza a súa atención debido ás baixas temperaturas

O Fogar Municpal do Transeúnte aumentará a súa capacidade de acollida e aloxamento. Asemade, ofrecerán manutención, atención sanitaria básica e acompañamento social durante todo o inverno
O Fogar Municipal de Transeúntes está situado na praza do Trigo

O Concello de Ourense acaba de activar a Campaña Municipal contra o Frío. A través desta iniciativa pretenden dar unha maior capacidade de acollida por parte dos servizos municipais, así como un incremento da intervención na rúa para detectar e incorporar á rede de atención da xente sen fogar a aquelas persoas en situación de maior deterioro. Esta campaña, aseguran dende o Concello, persegue tamén “desenvolver actuacións de sensibilización social e incrementar a colaboración co tecido social e outras entidades e institucións sociais da cidade”. Precisamente, o Consistorio anima a que os cidadáns, se detectan que algunha persoa sen fogar precisa atención, chamen ao 112 (Emerxencias), ao 091 (Policía Nacional) ou ao 092 (Policía Local).

Esta campaña específica enmárcase no Programa Municipal de Atención a Persoas sen Fogar, que ten como principal obxectivo que ningunha persoa sen fogar careza de atención social. Asemade, debido ás baixas temperaturas que está a sufrir a cidade estes días, dende o Concello tamén pretende proporcionar atención integral a aquelas persoas que, por circunstancias diversas ou decisións persoais, non accedan aos diferentes recursos estables da rede de atención de persoas sen fogar. É por este motivo que tamén porán a disposición deles aloxamento nocturno, manutención, atención sanitaria básica e acompañamento social durante todo o inverno.

En canto ás medidas concretas da Campaña Municipal Contra o Frío, estas consisten en reforzar a capacidade de acollida e aloxamento. Así, non se deixa a ninguén nas rúas exposto ás baixas temperaturas, ata alcanzar o máximo de prazas do Fogar Municipal do Transeúnte, cerando así mesmo un espazo neste lugar para as urxencias fóra do horario de acollida. Tamén se mantén aberto o Fogar polas tardes e cun reforzo da atención na rúa en colaboración con Cruz Vermella Ourense. Por outra banda, tamén se optimiza a coordinación dos recursos existentes, flexibilizando os criterios de atención e axilizando os sistemas de derivación entre os servizos de Cruz Vermella, Cáritas, o CHUO, a Fundación San Rosendo, o Asilo e os servizos de Emerxencias de Dependencia.

Artigos relacionados

Back to top button