ConcellosÚltima hora

O proxecto “A cociña de Silbina”, do GDR Sil-Bibei-Navea, presentarase en Trives

 

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR 8) Sil-Bibei-Navea incluía na anualidade do 2020 un proxecto para dar difusión e visibilidade aos produtos agroalimentarios e a gastronomía local dos dez concellos que forman parte desta agrupación: Parada de Sil, Montederramo, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Manzaneda, Vilariño de Conso e Viana do Bolo.

A iniciativa denomínase “A cociña de Silbina” e ten como base un personaxe inventado, Silbina, que vive na caracocha dun castiñeiro e que se converte en anfitrioa, explica a paisaxe, as tradicións e os principais ingredientes da súa cociña. Consta dunha páxina web, que ofrece información dos produtores locais, algún dos cales ofertan experiencias turísticas nas adegas, queixerías e venda on line dos seus produtos.

É precisamente na web silbina.org onde poden verse todas as actuacións levadas a cabo nela. Este proxecto será presentado o vindeiro xoves 15 de abril ás 18:00 horas, no Auditorio Julio Vázquez, da Pobra de Trives, cun aforo limitado. Así o vén de anunciar o propio GDR Sil-Bibei-Navea, que preside Francisco Magide, a través das redes sociais.

Nesa web tamén se amosan varios vídeos para a promoción de produtos de cabeceira e figura un mapa turístico no que pode verse unha ruta polo territorio para desfrutar da oferta gastronómica, festas e principais recursos turísticos deste territorio. O proxecto foi desenvolvido pola empresa Sherpaproject.

 

Artigos relacionados

Back to top button