
O proxecto da senda verde entre O Salgueiral e Viloira volvía abordarse no pleno ordinario de setembro no Concello do Barco. A orde do día incluía un punto relativo á resolución dun recurso de reposición presentado por tres propietarios afectados pola expropiación (e ao que adheriron outras 7 persoas) o 13 de xullo de 2025 contra o acordo do pleno do Concello do 3 de abril de 2025.
Segundo explicaba o secretario na sesión plenaria, a proposta que se traía agora ao pleno de setembro era “estimar o recurso de resposición por terse demorado o exame das alegacións presentadas o 25 de xuño de 2024 ata o 3 de abril de 2025, data na que se decidiu sobre as mesmas polo pleno da Corporación”. Isto implicará, volver a iniciar o proceso, é dicir, “retrotraer o expediente do acordo do pleno do 23 de xaneiro de 2024, procedendo a realizar as actuacións que o acordo contempla, e disponse a conservación dos actos e trámites realizados ata o momento da retroacción, así como os trámites seguintes posteriores”.
O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, explicaba “o que se trae hoxe é un punto de todo ese expediente que corresponde coas expropiacións, nas que houbo unha serie de alegacións e de recursos, e un recurso de reposición quedou sen contestar e, como pasou o prazo correspondente, hai que retrotraerse a ese momento para que isto teña unha validez legal”.
Dende o BNG, o seu voceiro Manuel Agra referíase á forma na que dende un principio se levou este proxecto por parte do grupo de goberno socialista, lamentando esa forma de proceder. “Na nosa intervención no pleno do 3 de abril de 2025 diciamos que todo o que rodeaba o proxecto da senda do Salgueiral a Viloira tiña un carácter extraordinario e urxente, urxencia da que agora vemos as consecuencias: retrotraer o expediente ata o acordo do pleno do 23 de xaneiro de 2024. Seguen, pois, valendo o de extraordinario e urxente para seguir describindo a situación”.

Agra apuntaba así mesmo que “no pleno do 6 de outubro de 2023 retirárase da orde do día a delegación da facultade expropiatoria á Deputación, institución que xa comezara a mandarlles cartas expropiatorias aos veciños e veciñas. Houbo que parar porque iamos moi de présa e estábanse facendo mal as cousas. No pleno do 3 de abril de 2025, votabamos o proxecto definitivo. Pois ben, o 25 de xuño de 2024 presentáronse alegacións á senda que non se contestaron en prazo. Seguimos con présa e facendo mal as cousas. Agora temos que volver ao punto de partida no que estabamos o 23 de xaneiro de 2024: outra vez información pública, alegacións , aprobación definitiva, etc. Con todo o que isto supón de molestias e preocupacións para a veciñanza, que non ten ningunha culpa de que o Concello non faga ben as cousas. Un concello que presume de estar aberto aos veciños e veciñas non debera esquecelos á hora contestar as súas queixas”.
O concelleiro do BNG matizaba que dende este grupo municipal “consideramos necesaria a senda do Salgueiral a Viloira. Igual tiña que ser unha máis senda modesta que non leve a facer tanta desfeita na zona e que non implique cortar máis árbores á beira do Sil, das que tanto estamos necesitados, sobre todo, tras a catástrofe medioambiental de agosto de 2025. O que si lamentamos desde o BNG é como se foi levando todo o proceso por parte do Concello, algo que non fai máis ca sementar dúbidas e suspicacias” e, deseguido, anunciaba a abstención do seu grupo neste punto.
Manuel Agra remataba a súa intervención incidindo en que “estamos a favor da senda, por iso nos gustaría que estivese limpo o que se chama Camiño dos Pescadores, onde se supón que vai ir a senda, e non atrancado por árbores xigantescas (e amosaba unha imaxe dun tronco atravesando o camiño), se realmente se ten ganas dunha senda pois vaianse poñendo mans á obra e non esperen a que xa unha macrosenda”.

Na súa resposta o alcalde do Barco aseguraba que “este é un tema que levamos moitos anos debatendo, agora atopámonos con este atranco, pero que é perfectamente solucionable, un atranco que nos vai levar para atrás un pouco, pero non todo porque, tal e como di o informe xurídico, hai unha serie de actuacións que se fixeron a posteriori que van a perdurar. Con todo, hai que retrotraerse a ese momento para volver a dicirlle aos veciños que volvan a presentar alegacións ou recursos. É un tema de seguridade xurídica”.
Con respecto ás características da senda, Aurentino Alonso aseguraba que se trata “dunha modesta de todo” E, para xustificalo, botaba man do informe do arquitecto municipal ao respecto, que indica que o proxecto “non propón urbanizar ningunha rúa, nin asfaltar ningunha pista, nin deforestar a flora de ribera, nin deteriorar o dominio público hidráulico. Ao contrario, trátase de recuperar para o dominio público unha marxe de terreo ocupado por fincas e peches privados que, segundo a planificación de Augas, forma parte da servidume de paso de pescadores e está afectado polo fluxo preferente. Tanto a proposta do proxecto como as fichas municipais descritivas dos terreos e arborado afectado, pretenden manter todo o arborado autóctono, así como a masa vexetal arbustiva e de pradeira, e unicamente se talarán aquelas árbores alóctonas que xeran problemas de seguridade ou invasión foránea”.
Ante iso, Manuel Agra retrucaba que “a senda, tal e como está no proxecto, o que está no plano, vese de sobra que nas primeiras fincas cóllese unha extensión enorme, non é unha senda de 5 m, é moito máis o que se está expropiando”.

Por parte do PP, a súa voceira municipal, Maite Estévez, sinalaba que, “cando veu a pleno o proxecto, nós non o apoiamos, e ante este volver atrás, ímonos abster”.
Finalmente, saia adiante a resolución do recurso cos votos do partido socialista e coas abstencións do BNG e do PP.
Fotos: O SIL.