
O proxecto do Concello de Ourense para ir máis alá na explotación da enerxía xeotérmica da cidade está un paso máis preto de acadar financiamento da Unión Europea. A proposta presentada en maio dentro do programa GEOAtlantic vén de superar a primeira fase da candidatura. Das 425 solicitudes, só 100 pasan á segunda fase en réxime de concorrencia competitiva. De acadar luz verde tamén nesta etapa, o proxecto pasaría a estar subvencionado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da UE.
A iniciativa está suscrita por un consorcio de socios liderado dende Ourense, no que figuran institucións de España, Portugal, Reino Unido, Francia e Irlanda. Pretende estudar as posibilidades de desenvolvemento da enerxía xeotérmica no territorio como fonte de enerxía renovable e impulsar proxectos demostrativos da súa utilización.