
Os membros do PSdeG-PSOE de Ourense asistiron esta mañá a un acto formativo, dentro do programa “Fórmate para mellorar a túa acción política”, co que a formación vermella pretende aumentar os coñecementos dos cargos públicos da súa agrupación en diversas materias.
O portavoz socialista na Deputación, Francisco Fraga, foi o encargado de presentar a cita e salientou que “é necesario darlle medios á administración máis próxima ao rural, que son os concellos, xa que son os que mellor coñecen o entorno e, polo tanto, son os que mellor poden planificar as políticas axeitadas”.
O relatorio de hoxe versou sobre a fixación da poboación e estivo dividido en dous módulos. No primeiro, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, falou do diagnóstico, evolución e as perspectivas de futuro da provincia de Ourense. Xa que é licenciado en Xeografía e Historia, na especialidade de Xeografía Aplicada pola Universidade de Santiago e tamén é doutor por esta mesma institución académica. O rexedor municipal salientou na súa intervención, apoiándose con imaxes, que o que precisa a provincia de inmediato é “unha medicina paliativa e curativa que solucione este problema”, referíndose á demografía de Ourense.
O segundo relatorio ou módulo, correu a cargo de Abel Losada, deputado autonómico por esta formación, Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e Profesor titular na Facultade de Económicas da Universidade de Vigo. O deputado e profesor utilizou a súa especialidade en Historia económica, demografía e economía da poboación para falar sobre as estratexias socioeconómicas “ante unha provincia que encolle”. Losada decidiu apoiarse en numerosos exemplos para avalar a súa tese e sinalou que “só hai futuro se se coñece o territorio, e a administración autonómica e estatal están totalmente desconectadas”.
Tras iso, houbo unha mesa redonda titulada “Demografía e sustentabilidade”, na que estiveron como poñentes Rafael Rodríguez Villarino, alcalde de Moeiro, Licenciado en Psicoloxía e Doutor en Ciencias Sociais na UVigo; Sara Inés Vega Núñez, alcaldesa de Castro Caldelas, antiga presidenta da Federación Provincial de Asociacións de pais e nais de alumnos de Ourense, membro dos Consellos Escolares de Galicia e do Estado; Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde de Verín e arquitecto Superior na Escola Superior de Arquitectura de Madrid.
As conclusións desta xornada correron a cargo da secretaria de Organización Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, María Quintas e a clausura foi feita por Raúl Fernández, secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE que alentou aos seus colegas de partido a “traballar no Parlamento por mellorar a financiación municipal” e asegurou que o que máis lle preocupa é “que sexamos menos activos, non que sexamos menos” na Cámara galega.
