PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Ourense, na Conferencia Municipal de Valencia

Paco Rodríguez, aspirante á alcaldía da capital, sinalou que se trata dunha cita de especial relevancia na que se intercambian coñecementos de diversas realidades que poden ter aplicación en Ourense

 

O PSdeG-PSOE de Ourense asiste este fin de semana á Conferencia Municipal que está a ter lugar en Valencia e na que participan candidatos de toda Galicia e España para as vindeiras eleccións locais do 28 de maio, así como altos cargos e figuras relevantes do socialismo a nivel nacional. Paco Rodríguez, aspirante á alcaldía da capital da provincia, sinalou que se trata dunha cita de especial relevancia na que se intercambian coñecementos de diversas realidades que poden ter aplicación en Ourense de xeito directo ou modificándose para adaptalas ás actuais necesidades da cidade. “Todo o bo que estamos recollendo hoxe aquí vai ser positivo para os cidadáns e cidadás”, afirmou.

“O maior compromiso do partido socialista reside, basicamente, no concepto de proximidade cidadá. E agora temos a oportunidade de estar presentes onde se están poñendo de relevo moitas experiencias que se aplican noutros concellos e que resultan moi interesantes para poder trasladar ao noso concello”, incidiu desde a Cidade das Artes e das Ciencias.

Xunto a el viaxaron ata Valencia: Natalia González, actual secretaria xeral e voceira municipal de Ourense; María Fernández Ojea, María Cristina Cruz Fernández e José Ramón Fernández Morgade, todos eles integrantes da lista para as eleccións do 28 de maio. Mais tamén estiveron acompañados por representantes do partido socialista da provincia e de Galicia.

 

 

Neste congreso abóndanse diversas solucións, que xa se están poñendo en marcha nalgúns concellos do territorio nacional, para diminuír a brecha de xénero, acadar unha maior sustentabilidade e reducir o dano ao medio ambiente, políticas de éxito no ámbito da saúde ou cumprir coa Axenda 2030. O feminismo vertebrou tamén un dos relatorios no que participaron mulleres como Anne Hidalgo, actual alcaldesa de París e primeira muller en acadar este posto; Luisa Salgueiro, presidenta da Asociación de Municipios Portugueses; ou Inés Rey, alcaldesa e candidata a repetir mandato na Coruña.

O secretario de Política Municipal do PSOE e vicepresidente primeiro do Congreso, Alfonso Rodríguez Gómez de Celis cualificou esta convención como “o encontro máis importante dos socialistas entre congresos”.

Aparte dos representantes da política municipal a nivel nacional, tamén asistiron algunhas figuras clave da historia e do presente do PSOE. Entre eles destacan: José Luis Rodríguez Zapatero, expresidente de España; Pedro Sánchez, actual presidente nacional e secretario xeral do partido que clausurará mañá o encontro; ou Teresa Ribera, vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Artigos relacionados

Back to top button