PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Viana pedirá no pleno a ampliación das prazas da gardería infantil

A concelleira socialista de Viana do Bolo, María Páez.

 

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo, a través da súa concelleira María Páez, defenderá unha moción no pleno municipal deste vindeiro venres na que solicitará a ampliación de prazas na gardería pública infantil, así como a súa correspondente dotación de persoal e material para atender a este aumento de prazas. Asemade, se o local onde se sitúa a gardería non permite dita ampliación, a moción socialista pídelle ao Concello de Viana que poña a disposición da Xunta outro que permita acoller a ampliación de prazas e do correspondente persoal.

Os socialistas sinalan que na actualidade “son varios os pais e nais que se ven obrigados a levar os seus cativos e cativas a gardería do Concello de Vilariño de Conso ante a carencia de prazas en Viana, cos contratempos que isto supón.

Dende o Grupo Municipal Socialista expoñen que nos últimos anos “incrementáronse de maneira significativa” os nacementos no municipio de Viana do Bolo, pero, “dende o Concello nunca se estableceu ningún tipo de axuda para favorecer o aumento da poboación, cousa que si acontece noutros concellos co establecemento de incentivos e axudas económicas que animan a incrementar os nacementos”. E “ante esta carencia”, os socialistas manifestan que “polo menos non se poñan atrancos e continuemos co bo ritmo de nacementos”.

O problema, en palabras da Agrupación Socialista de Viana do Bolo, radica en que a gardería infantil do municipio “carece de prazas suficientes para acoller aos nenos e ás nenas menores de tres anos, de tal xeito que varios teñen que desprazarse a gardería infantil do Concello de Vilariño de Conso. Un desprazamento, que por suposto, corre a cargo dos pais e nais, co custo económico e a incomodidade que supón, engadido aos problemas que lle poden supor no eido laboral”.

Os socialistas finalizan afirmando que “debemos celebrar a importancia do incremento dos nacementos, que contribuirán de forma sistemática ao incremento da poboación e a rexuvenecer á veciñanza” e apuntan tamén a que para que isto sexa unha realidade “é de vital importancia que as familias teñan uns servizos dignos para os seus fillos e fillas”.

Artigos relacionados

Back to top button