
Implantar un sistema que distribúa os fondos públicos da Deputación de Ourense entre os municipios de forma equitativa. É a demanda que facía pública o PSdeG-PSOE o 18 de xullo nunha rolda de prensa celebrada na cidade das Burgas coa asistencia do voceiro e secretario provincial Rafael Rodríguez Villarino, do secretario local José Ramón Fernández Morgade, dos concelleiros Natalia González, Wilson Jones e Borja López e da ex edil Margarita Martín.
Neste senso, demandarán a inmediata celebración dun pleno extraordinario na Deputación co apoio de todas as forzas políticas que, no pasado, xa apoiaron esta mesma proposta, e tamén coas novas formacións da corporación provincial deste mandato.
Villarino, destacaba que “o actual sistema da Deputación contrasta enormemente co esforzo que están a facer outras deputacións galegas, agrupando as subvencións mediante un modelo que permite repartir de xeito obxectivo o diñeiro público, reducindo drasticamente a discrecionalidade na asignación destes fondos”.
Para Villarino trátase dun “tema capital para a estabilidade, o futuro e a autonomía dos concellos, polo que estamos seguros de que formacións como Democracia Ourensana, que no pasado xa se posicionaron claramente a favor deste sistema equitativo, vano facer novamente”.
O líder socialista recorda que “no resto das deputacións de Galicia, todas gobernadas polo PSdeG-PSOE, se rebasaron amplamente o 25 % do orzamento na partida integral dedicada ós concellos, mentres que no caso ourensán apenas se acada un miserento 10% a dedo, unha cantidade que non permite abordar as necesidades reais dos municipios máis pequenos”.
Villarino incide en que “Ourense é a única provincia que segue secuestrada por criterios de reparto propios dun réxime decimonónico cun reparto caprichoso, discrecional e discriminatorio, baseado na dedocracia e nos intereses persoais e na man do partido de Jácome está aprobar un cambio que sempre defenderon”.