PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE pide que se “revertan os recortes no Hospital Público de Valdeorras”

Diversos cargos do partido, entre eles a deputada galega Marina Ortega, concentrábanse esta mañá no exterior deste centro hospitalario

 

A deputada socialista no Parlamento galego, Marina Ortega, valoraba esta mañá a situación do Hospital Público de Valdeorras (HPV), no Barco, xunto a outros cargos do PSdeG-PSOE na provincia como  o senador valdeorrés Miguel Bautista, a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista; o concelleiro de Sanidade barquense, Orlando Saavedra; ou o tenente de alcalde do Barco, así como o concelleiro rues Luis Fernández. Nesta concentración tamén participaban membros da Xunta de Persoal do hospital barquense.

Na súa intervención Marina Ortega aludía aos “recortes en especialistas que sufriu o hospital” e tamén á preocupación dos sanitarios “ao traballar sen UVI Móbil durante 11 días, o que se deriva da falta dun facultativo no HPV”. Ademais lembraba que dende o grupo parlamentario socialista reivindicouse na Cámara galega que se “revertan os recortes no HPV hai meses e agora pedímoslle ao goberno galego que solucione de xeito inmediato a falta durante estes 11 días de UVI Móbil para os veciños de Valdeorras, unha comarca que está moi alonxada de Ourense, a unha hora e media”.

Así mesmo, a deputada aludía a outra problemática a nivel galego, “pero que nesta comarca está moi acrecentada”, que é o das “listas de espera en dependencia. Vimos de plantexar no Parlamento de Galicia unha interpelación sobre dependencia para propoñer un plan exhaustivo que poida dotar de máis persoal aos equipos de valoración de dependencia e tamén a aqueles que resolven os problemas individuais de dependencia para poder axilizar desa forma as listas. Hai un plan de choque a nivel nacional polo cal van chegar uns 45 millóns de euros só para dependencia para revertir esas lista de espera e atopámonos con que dende a Xunta ampliaron os equipos de valoración de dependencia pero non temos constancia de que se vaia a ampliar o persoal e os técnicos que traballan para resolver os expedientes”.

Xunto a ela, o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, comentaba que “pouco a pouco vannos quitando recursos no hospital e isto é unha vuelta de tuerca máis. Os recursos teñen que ir preferentemente cara as zonas periféricas, e Valdeorras segue tendo problemas de comunicación. As decisións políticas que se toman seguen afectando á comarca e a responsabilidade e do goberno do PP, da Xunta”. Finalmente, o senador Miquel Bautista incidía en que se destinen “máis recursos” á sanidade da comarca”.

Artigos relacionados

Back to top button