ConcellosÚltima hora

O Pulpo do Carballiño viaxará até o Centro Galego de Nuremberg, na Babiera alemá

O Concello dedicará esta festa á cidade teutona co obxectivo de converterse en Festa de Interese Turístico Internacional
Tapa de pulpo xigante para promover a Festa do Pulpo.

A vindeira edición da Festa do Pulpo do Carballiño estará dedicada á cidade alemá de Nuremberg, e máis concretamente ao Centro Galego desta cidade, que o próximo mes de xuño cumprirá o seu 25 aniversario de celebración da súa propia Festa do Pulpo. Así o anunciaron dende o Concello do Carballiño, que ten como obxectivo, con esta dedicatoria, ultimar así a documentación que se precisa para a consecución da denominación de Festa de Interese Turístico Internacional.

Hai dous días o alcalde da vila, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, reuníronse no concello co presidente do Centro Galego de Nuremberg, Gerardo Arias González, un emigrante de Valdeorras, e con Ramiro Bieito Vilas, un emigrante carballinés e directivo do centro, para comunicar esta decisión e analizar a realización dun acto para presentar a LV edición da Festa do Pulpo do Carballiño.

Dende o consistorio sinalan que os directivos amosáronse moi receptivos a esta proposta e, dende entón, traballan conxuntamente ambas as dúas institucións para ultimar os detalles da presentación, que terá lugar o sábado 24 de xuño.

A Festa do Pulpo que organiza o Centro Galego de Nuremberg reúne nas últimas edicións a máis de 10.000 persoas, que acoden durante toda a xornada para degustar os produtos típicos da gastronomía galega de romaría, na que o pulpo á feira é o prato de estrela, así como para gozar dun programa de animación cultural que inclúe grupo de gaitas e un concerto. Nesta ocasión, co gallo do 25 aniversario desta festa, haberá unha actuación de Cristina Pato.

Este festexo en Nuremberg desenvólvese na propia rúa na que se ubica a entidade, e que ese sábado, mediante unha autorización do Concello, péchase ao tráfico co fin de poder acoller os actos e a grande afluencia de xente que congrega.

Na pasada edición, a Festa do Pulpo do Carballiño adicouse a catro cidades da Eurorexión, tres portuguesas (Vilanova de Gaia, Braga e Viana do Castelo), ademais de Pontevedra. A repercusión que tivo nos medios de comunicación do Norte de Portugal, aseguran dende o Concello do Carballiño, foi moi importante para elaborar un dossier de prensa, que deberá completarse coas noticias que se xeren nos xornais de Nuremberg e da rexión de Babiera, e que é un dos requisitos que precisan para conseguir a denominación de Festa de Interese Turístico Internacional.

 

Artigos relacionados

Back to top button