“Galego pode selo calquera” é un espectáculo cómico-teatral cargado de ironía que vén da man do actor de orixe quiroguesa Alberte Montes. Presentábao na tarde do 7 de maio na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia.
Trátase dun monólogo humorístico interpretado integramente en galego, no que a idiosincrasia galega e os tópicos sobre os galegos foron os principais protagonistas e no que se puxo en valor a forma de ser dos galegos.
Montes formouse como actor no Estudi Nancy Tuñón e Jordi Oliver de Barcelona, traballou en compañías como Furafollas ou Teatre Obligatori e individualmente representou varios espectáculos en teatros de Barcelona. Participou nunha ducia de curtametraxes, algúns deles con premios nacionais, e na longametraxe “REC 4”; realizou anuncios publicitarios e colaborou en programas televisivos da produtora El Terrat, como “Salvados” e “Buenafuente”, e noutros da TVG.
Alberte Montes foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen informou de que o espectáculo fora producido por Hermanager Producións, “un equipo creativo con grande experiencia en pequenos formatos de humor”.