AutomobilismoDeportesÚltima horaVídeos

O Rallye de Ourense volve facer vibrar á afección

Efrén Llarena e Sara convertíanse nos vencedores desta edición seguido

 

O deste 2022 será sen dúbida un Rallye de Ourense para lembrar. Non só porque foi o do regreso absoluto á normalidade trala pandemia de Covid (sen mascarillas nin restricións de ningún tipo) recuperando o rebumbio de afeccionados a pé de estrada, enchendo os tramos para ver pasar aos coches, senón tamén polos cambios organizativos que marcaron a diferenza.

Semanas antes da data, o novo presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga, aseguraba en O Sil Deportivo que este sería un rally “moi interesante” e así foi. Os cambios especialmente no percorrido prometían emocións e incertidume que se cumprían totalmente.

 

 

 

Achegar o rallye á cidade e facela partícipe da festa do automobilismo presentábase como un gran aposta e a gran cantidade de público que se achegou a ver os tramos, aínda que non dispoñían de moita visibilidade, demostrou que foi un acerto. Tamén o foron os novos tramos (Barbadás e A Merca-Celanova), aínda que sorprenderon os bruscos xiros que deu a competición entre a etapa do venres pola tarde que remataba precisamente co tramo espectáculo Concello de Ourense (1,82 km polo centro da cidade).

 

 

 

Despois dunha primeira xornada na que os pilotos de Hyundai marcaron a pauta, con Iván Ares como líder e Pepe López como alternativa máis clave, todo cambiaba na primeira especial do sábado, disputada en Barbadás sobre un circuíto de 10,14 km. Ares sufría unha avaría mecánica que lle obrigou a abandonar na metade do primeiro paso por Toén, mentres que Pepe López e Borja Rozada tamén tiveron que abandonar tras sufrir unha pequena saída de estrada na que romperon unha peza da dirección.

 

 

Cos dous primeiros protagonistas fóra de combate, a atención centrouse na loita aberta entre José Antonio Suárez e Efrén Llarena. Suárez, despois dunha primeira xornada na que non sentiu cómodo co Fabia e sufriu unha buxaina na primeira pasada por Amoeiro que lle fixo perder bastante tempo, buscou a remontada durante todo o sábado, aínda que non foi suficiente para relegar do primeiro lugar da clasificación ao burgalés, que copilotado por Sara Fernández aguantou ata facerse coa vitoria (1:25:52.8). A diferenza de apenas catro segundos nos 145 quilómetros cronometrados entre Llarena e Suárez demostra a igualdade dun certame realmente emocionante.

 

 

En canto á participación ourensá, a vitoria no Trofeo José Luis Outeiriño foi para Pablo Blanco e Ian Quintana aos mandos do Citroën C3 N5. A Copa Suzuki foi para David Cortés e Rubén Soto. Dentro do Trofeo Escudería Ourense, vitoria convincente para Jorge Coca e Diego Vázquez, co Subaru Impreza; e no Trofeo Estanislao Reverter o mellor foi Juan Manuel Carballo con Ismael Iglesias no Fiat 131.

 

 

Coma sempre foi moita a xente (coa Escudería Ourense á fornte) que traballlou a reo para poder desenvolver esta tradicional cita ourensá co automobilismo, con moitos voluntarios de Protección Civil e xente de seguridade espallada polos diferentes tramos ademais dos controladores, cronometradores, e demais. Finalmente, salvando algún accidente como o de Alfredo Sal e Unai Conde, que despois dun choque, daba varias voltas de campá ata rematar no medio da estrada, moi aparatoso aínda que sen consecuencias persoais, o rallye remataba sen maiores incidentes e coa entrega de premios no Posío.

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.

Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/o-tramo-a-merca-celanova-do-55-rallye-de-ourense-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button