Un ano máis Xantar ofrecerá a oportunidade de desfrutar da gastronomía de distintas rexións de España e Portugal a través dos 15 restaurantes que participarán nesta edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebra en Expourense entre o 5 e o 9 de febreiro.
A participación de Illa de Ons (Pontevedra) e de Guimaraes (Portugal) serán as dúas grandes novidades en restauración, á que se suma o regreso da Baixa Limia con restaurante propio.
A provincia de Ourense, sede de Xantar dende hai 21 años, estará representada por cinco restaurantes. Ourense cidade contará con dous e non faltará á cita o INORDE. A Ribeira Sacra, pola súa banda, terá un protagonismo destacado e a nivel restauración estará representada polo restaurante de Parada de Sil que ofrecerá dous menús contundentes.
Portugal será outro dos protagonistas de Xantar 2020 coa masiva presenza de destinos enogastronómicos de todo o país que participarán como expositores. A oferta en restauración estará concentrada na rexión de Porto e Norte e, ademais de Guimarães, participarán os restaurantes de Braga e Vila Real. A oferta en restauración de fóra de Galicia complétase co restaurante de Castela e León.
A gastronomía de Galicia estará representada por once restaurantes con menús nos que están representadas numerosas das 300 festas gastronómicas que se celebran na comunidade, ademais de incluir produtos amparados por distintas Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e outros selos de calidade.
Para consultar a programación de Xantar 2020 e os menús: https://xantar.org/