Os mellores riders do panorama nacional reuníanse esta fin de semana na localidade coruñesa de Mugardos nunha paisaxe de excepción para a disputa dunha nova edición da Montefaro Enduro Race, que neste 2021 acollía a celebración do Campionato de España de Enduro. Preto de 300 ciclistas que loitaron polos distintos títulos nacionais sobre un percorrido de 34,2 quilómetros con 1.240 metros de desnivel e cinco tramos cronometrados, entre os que figuraban nomes como Gabriel Torralba, Edgar Carballo, Álvaro Martínez, Toni Ferreiro, Nicolas Carrera ou Mario Palacio.
E entre eses intrépidos riders estaba tamén o rues Javier Fernández Quiroga, competindo na categoría e-bike e superando as súas propias expectativas. Malia ser especialista en descenso, participando en numerosos campionatos dentro e fóra de España, nesta ocasión animábano a participar nesta modalidade proclámandose nada máis nin nada menos que en subcampión de España.
“Foi a miña primeira carreira e levei moi bo sabor de boca, todo estaba de 10 e compartir podio con Toni Ferreiro para min xa é pasarse o xogo”, en palabras do propio deportista, sempre agradecido á xente que o axuda con especial mención á adega Alvaredos HOBBS. “Este ano a verdade son os que máis me apoiaron sobre todo economicamente”, asegura.