CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O ritmo do Entroido vianés envolvía a illa italiana de Sardeña

O Fulión e os Boteiros de Viana eran a única representación española e estranxeira na II MaMuMask, Festival Internazionale delle Maschere

O característico ritmo de bombos e aixadas do fulión de Viana do Bolo, xunto cos vistosidade e as carreiras dos seus Boteiros, enchía na tarde do 30 de xuño as rúas de Sardeña (Italia). Os vianeses participaban no desfile da II MaMuMask, Festival Internazionale delle Maschere. Unha cita na que eran a única representación española e de fóra de Italia no evento. Neste desfile tamén saían máscaras desta illa como os Mamuthones e Issohadores, os Merdules e Boes (Ottana) e os Thurpos (Orotelli).

O programa deste encontro, que tamén incluía un intercambio gastronómico entre Viana e Sardeña (no que os vianeses levaban produtos como bica, montonico e embutidos), desenvolvíase ao longo de tres días: do 28 ao 30 de xuño. Había eventos culturais, conferencias temáticas arredor do mundo da máscara, música e degustacións, entre outras propostas.

 

Esta visita incluía un intercambio cultural e tamén gastronómico.

 

Ademais, o mesmo domingo 30 de xuño pola mañá Pedro Basalo, investigador do Entroido vianés, xunto a Jorge Domínguez “Minas”, presentaban a figura do Boteiro de Viana no Museo das Máscaras Mediterráneas. Deste xeito o Entroido vianés incide na súa promoción e recoñecemento internacional con esta nova saída, a primeira a Italia.

 

Pedro Basalo e Jorge Domínguez, na presentación da máscara de Boteiro no Museo das Máscaras Mediterráneas en Mamoiada (Sardeña)./ Foto: Festival Mamumask.

 

A partir de agora, este museo conta cunha máscara de Boteiro de Viana, que se suma á que xa tiñan de Boteiro de Vilariño de Conso. Nesta viaxe Jorge Domínguez era agasallado cunha careta branca de Issohadore e con outra negra de Mamuthone, ambas son os personaxes principais do carnaval de Mamoiada, a vila que acolleu o festival.

No decurso deste intercambio cultural, o fulión vianés, dende o que se destaca a gran acollida e hospitalidade sarda; convidaba ás mascaras mamoiadinas a participar na vindeira edición da Mascarada Ibérica, que acostuma organizarse en xaneiro en Viana e en Vilariño de Conso. Nun principio a acollida á proposta foi moi boa, polo que se espera que estes enmascarados sardos percorran no vindeiro inverno as rúas vianesas.

Fotos cedidas polo Grupo de Boteiros e Fulión de Viana, agás as tres últimas que son do Festival Mamumask.

Artigos relacionados

Back to top button