ConcellosÚltima hora

O ruído ambiental reducíuse entre un 60 e un 70% en Galicia no estado de alarma

O confinamento da poboación e as restricións impostas polo Covid-19 está a ter un impacto directo e moi significativo no ruído ambiental que soporta habitualmente a comunidade

 

Con motivo da celebración neste 29 de abril do Día Internacional da Concienciación sobre o ruído, Meteogalicia vén de facer público o seu quinto Informe de Ruído Ambiental de 2019 e un avance dos primeiros resultados sobre contaminación acústica no que levamos de estado de alarma

Os datos rexistrados nas últimas semanas pola Rede galega de estacións con sonómetros revelan que o confinamento da poboación e as restricións impostas polo Covid-19 está a ter un impacto directo e moi significativo no ruído ambiental que soporta habitualmente a comunidade. Así, MeteoGalicia conclúe que a partir dos datos obtidos no que levamos de estado de alarma, pódese avanzar que a actividade e o impacto acústico en Galicia experimentou unha diminución de entre o 60% e o 70%.

Segundo os datos preliminares recabados, o impacto a nivel acústico durante as dúas primeiras quincenas de confinamento foi moi similar, cunha diminución media dos niveis de ruído de entre 4 e 5 decibelios

Así mesmo, Meteogalicia tamén deu a coñecer o seu Informe de Ruído Ambiental -o oitavo que elabora ata o momento e o quinto de carácter obrigatorio- e que no ano 2019 constata, en termos xerais, unha lixeira mellora dos datos obtidos na comunidade con respecto aos valores históricos.

Entre as principais conclusións, cómpre subliñar que, “ao igual que en anos anteriores, o tráfico e os eventos de ocio seguen a ser os principais axentes de contaminación acústica da comunidade. Neste sentido, o informe fai fincapé en que unha actividade de ocio aínda que sexa puntual, ten unha gran repercusión sobre os valores de ruído anuais, sendo un factor que dispara os índices de ruído no lugar no que se desenvolve, especialmente porque acontecen en horario nocturno. A modo de exemplo, se se comparan os valores acadados por un temporal e os dun evento de ocio nunha zona residencial, os resultados son claramente superiores no segundo caso en canto aos valores equivalentes”.

Un ano máis para a análise de fenómenos naturais (fundamentalmente temporais) tómase como referencia a estación do Campus Universitario de Santiago, dado que as zonas de protección son as máis afectadas por adversos meteorolóxicos. Ao respecto, en 2019 tiveron lugar fenómenos con valores tan extremos como os de anos anteriores e cun considerable impacto acústico.

Artigos relacionados

Back to top button