En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O rural do oriente ourensán mobilízase para facerse escoitar ante os problemas ocasionados pola xeada

Publicidade
Preto de 250 vehículos agrarios participaban na manifestación celebrada na mañá do 19 de maio pola estrada Viana-A Gudiña

A agricultura e a gandeiría do oriente ourensán víanse gravemente afectadas polas xeadas caídas a finais de abril. Cuantiosos danos nos castiñeiros, nos pastos e tamén na apicultura facían que os produtores de toda esta zona rural reaccionaran ante as consecuencias que poden ter nas súas economías as perdas ocasionadas. E facíano coa masiva asistencia á asemblea que, na noite do 11 de maio, reunía na Casa da Cultura de Viana do Bolo a máis de 500 persoas dos concellos da Gudiña, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, A Mezquita e, por suposto, da propia Viana.

Nela tomábase a decisión de mobilizarse en demanda de axudas, ante a falta de resposta da Administración. “Os castiñeiros non teñen follas e non sabemos se darán castañas, ás colmeas estámoslle dando alimento, o centeo desapareceu, non sabemos se os prados terán herba que podamos segar para ter forraxe para o inverno… O efecto da xeada está por todas partes e, se a Administración tivera a vergonza de vir ata aquí e mirar ao redor, podería velo. Non entendemos que despois de case un mes nin sequera preguntara se necesitamos algo, se estamos ben. Todo se enfoca cara outras zonas e sabemos que pode haber axuda como a hai para outros lugares. Aquí estamos xente de Viana, Vilariño, A Veiga, O Bolo, A Mezquita, A Gudiña, nós tamén existimos e queremos vivir aquí, pero só temos dous camiños: ou sacamos os cartos dos nosos produtos ou alguén nos ten que axudar. Non pedimos o imposible senón o xusto”, en palabras de María Paez, responsable de Unións Agrarias en Viana.

 

 

 

E así, en torno ás 11 da mañá do 19 de maio, tal como estaba previsto, comezaban a xuntarse á entrada de Viana do Bolo, numerosos tractores, pick ups e outros vehículos de uso agrícola, para comezar a tractorada coa que pretenden facerse escoitar. Dende A Gudiña saían outros tantos vehículos, xuntándose ao final, segundo a organización, preto de 250 no entorno de Augas Mansas. “A resposta é boa porque o problema é grande. Temos moitas explotacións que están subsistindo nunha zona difícil e necesitan axuda por iso están aquí, non queren que os manteñan pero si un empuxón como noutras zonas ou sectores aos que si se lles dá”, aseguraba no encontro, o responsable de producións agrarias e extensivas de Unión Agrarias, Xosé Ramón González, para quen “estamos ante unha situación dramática, un momento catastrófico en toda a provincia de Ourense, con practicamente todos os sectores produtivos con graves problemas de viabilidade”.

 

 

 

A gravidade da situación logrou que boa parte da poboación se volcase coa convocatoria, incluso o sector comercio de Viana xa que practicamente todos os establecementos pechaban as súas portas en sinal de apoio. Eran tamén moitos os veciños que saían á rúa para aplaudir o paso dos tractores. “Queremos defender o noso, loitar pola nosa zona, porque a unión fai a forza e a Administración ten que mirar para nós e axudarnos. Somos unha zona abandonada, pero non nos vai botar ninguén, nin a xeada”, asegurou María Paez antes de comezara a marcha que se desenvolveu de xeito ordenado, controlada en todo momento pola Garda Civil e a Garda Civil de Tráfico, así como pola Policía Local durante o percorrido polo núcleo da vila.

 

 

 

Os manifestantes reivindicaban poder seguir realizando a súa actividade: gandeiría, agro, apicultura… e aseguran que este acto é para que os escoiten e para demostrar que o rural tamén existe, polo que tamén amosaban o seu respaldo á mobilización os membros do equipo de goberno de Viana do Bolo. “Estamos aquí, como non pode ser doutro xeito, apoiando esta reivindicación tan xusta e tan necesaria”, dixo o alcalde, Secundino Fernández, adiantando que no pleno celebrado na tade do 18 de maio, a alcaldía levou a pleno unha proposta para “instar á Xunta e establecer un diálogo cos produtores agrarios para atender ás súas demandas e tamén axudas económicas. A Xunta fala de que son danos para os que hai que ter seguro pero foi algo extraordinario, unha xeada fóra de tempo que atacou á produción e incluso á propia madeira das árbores, o que significa unha perda grandiosa que en moitos casos supera o 80%”, asegurou Secundino, rexedor dun concello no que as perdas no sector da castaña “afectan a todas as familias”.

 

 

 

Tamén no caso de O Bolo é o da castaña un dos máis afectados aínda que gandeiros como Rosa Mari Pérez Yáñez de Xava, presente na manifestación, asegura que e a xeada afectoulles directamente. “Non temos herba, nin centeo para o gando. A zona baixa de viñedos quedou queimada e a dos prados e colmeas, igual. Alimentar ao gando e ás avellas esta ano suporá un gasto extra para o que non estamos preparados porque isto non é unha mala xestión senón unha cuestión climatolóxica que nos afecta a todos e necesitamos axudas. O rural é un modo de vida complicado no que dependemos do tempo que neste caso non nos acompañou e o que parecía unha primavera marabillosa e moi adiantada resultou un desastre”.

Despois desta exitosa mobilización, Unións Agrarias ten convocada  para os distintos sectores “unha gran manifestación para o vindeiro 23 de maio ás 11 da mañá no pavillón dos Remedios de Ourense, diante de todos os ourensáns para pedir unha medida excepcional para un dano excepcional”, en palabras de Xosé Ramón González.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos no seguinte enlace:

https://osil.info/tractorada-na-estrada-viana-gudina-para-pedir-axudas-polos-danos-da-xeada/

Artigos relacionados

Back to top button