EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

O sector mineiro e a Xunta abordan a elaboración da Estratexia Galega de Minaría Sustentable

Actualmente, Galicia mantense como a quinta comunidade con maior número de explotacións mineiras, cun total de 211 e unha cifra de negocio de 260 M€

 

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo nesta semana unha reunión de traballo con representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia (Comg), para avanzar no proceso de participación do sector na elaboración da Estratexia Galega de Minería Sustentable impulsada pola Xunta.

Conde explicoulles tanto ao presidente da Cámara, Juan José López, como ao director e secretario da mesma, Miguel Ángel Fortúnez, que dita estratexia ten por obxecto orientar a actividade mineira cara a un desenvolvemento máis sustentable, centrándose na viabilidade industrial, económica e financeira do sector; a responsabilidade social, incluíndo á comunidade e aos seus traballadores; así como a responsabilidade ambiental co coidado da biodiversidade e o aproveitamento sustentable dos recursos naturais.

Neste sentido, a Xunta, en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia no proceso de identificación dos axentes, acaba de iniciar as conversas cos actores máis relevantes do sector para coñecer de primeira man as súas necesidades e perspectivas e poder así incorporalas á nova Estratexia. A idea destes encontros será coñecer e poñer en común as debilidades e fortalezas do sector; as ideas que se están levando a cabo ou que están proxectadas en materia de innovación e eficiencia enerxética, así como os diferentes recursos mineiros.

Actualmente, Galicia mantense como a quinta comunidade con maior número de explotacións mineiras, cun total de 211 e unha cifra de negocio de 260M€. Así, tal e como apuntou o vicepresidente económico, o Goberno galego pretende con esta iniciativa desenvolver actuacións de promoción da minería en Galicia de cara a consolidala como sector estratéxico, ao tempo que identificará medidas que axuden a situar o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), impulsados por Nacións Unidas.

Artigos relacionados

Back to top button