SanidadeÚltima hora

O Sergas publica o concurso-oposición para cubrir 299 prazas de persoal estatutario de xestión e servizos

 

Na súa edición de hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria do concurso-oposición para o acceso a diversas categorías de persoal estatutario de xestión e servizos. O número total de prazas convocadas neste proceso é de 299 desagregadas en: calefactor (37), condutor (12), costura (21), electricista (38), fontanería (18), lavandería (39), mecánica (19), pasador de ferro (45), técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información (12), técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información (8), técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4) e traballador social (46).

Dada a súa coincidencia co período estival, o prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de agosto. O formulario de inscrición estará dispoñible para as persoas interesadas na Oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e).

Este proceso súmase ao recentemente convocado para o acceso a 21 prazas de facultativo especialista de área de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía plástica, estética e reparadora, cirurxía pediátrica, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, cuxo prazo de inscrición tamén finalizará o próximo 31 de agosto.

Coa convocatoria destes procesos, o Sergas completa a execución da oferta de emprego público de persoal estatutario do ano 2018 e a práctica totalidade da correspondente ao ano 2019-quedando só pendente deste último a convocatoria de dúas categorías: persoal técnico superior (9 prazas) e enfermería (302) que se acumularán para a súa tramitación nun único proceso coas dos anos 2020 e 2021 ata acadar un total de 1.070 prazas.

Prestación de servizos durante o Covid

Estas novas convocatorias incorporan como mérito a valorar na fase de concurso a prestación efectiva de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria orixinada polo coronavirus, nos termos recollidos na disposición adicional 4ª da Lei 4/2021, como recoñecemento do esforzo e dedicación dos profesionais que, de xeito directo, participaron na xestión e atención durante a pandemia.

Así, na categoría de traballador social, con atención directa aos usuarios, os servizos prestados na mesma categoría á que optan, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas ou privadas concertadas no período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 9 de maio de 2021, valoraranse cunha puntuación equivalente ao dobre da puntuación asignada a cada un destes méritos na epígrafe correspondente do baremo.

Puntuación adicional específica

Así mesmo, nestas convocatorias, continúase a valorar na fase de concurso cunha puntuación adicional específica, a prestación de servizos nos centros hospitalarios do Barco de Valdeorras, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos así como en centros do nivel de atención primaria que reúnen tal condición de illamento; a meirande parte deles situados nas provincias de Lugo e Ourense.

O obxectivo desta puntuación adicional específica é asegurar a cobertura asistencial dos centros sanitarios illados e cubrir a demanda asistencial e de servizos de toda a poboación galega, con independencia da súa localidade de residencia recoñecendo así o esforzo e compromiso dos profesionais que están a prestar servizos nestes ámbitos.

Artigos relacionados

Back to top button