SanidadeÚltima hora

O Servizo de Urxencias do Hospital de Valdeorras contará cun novo ecógrafo portátil

Hospital Comarcal de Valdeorras.

 

O Servizo de Urxencias do Hospital Público de Valdeorras contará no mes de xaneiro cun novo ecógrafo portátil de última xeración, que o Servizo Galego de Saúde ven de adxudicar á empresa Grupo-3 S.L. por un importe de 24.465 euros. Conta con tres sondas multifrecuencia de tipos convex, para estudos abdominais e torácicos, lineal de alta frecuencia, para estudos musculoesquelético, torácico, vascular e de partes brandas, incluindo a técnica FAST e e-FAST para a exploración de pacientes con traumatismo toracoabdominal. Como terceira sonda pode incorporar un transductor cardiaco, vascular ou xinecolóxico.

O estudo e-FAST, (acrónimo de “Estended Focused Assesment with Sonography in Trauma) ten por obxectivo fundamental detectar líquido libre na cavidade abdominal, e/ou líquido en pericardio, no contexto dun paciente politraumatizado, o que permite decidir se precisa cirurxía urxente, así como o exame básico do tórax para descartar neumotórax.

Entre as súas vantaxes esta técnica ecográfica é un método rápido (de 3 a 5 minutos) non invasivo, cunha gran sensibilidade, non necesita preparación previa e pódese realizar e repetir en calquera paciente sen necesidade de mobilizalo. Asemade non require medios de contraste, non ten radiación (como a radiografía de torax ou o TAC) e non ten practicamente contraindicacións, polo que se está a implantar como unha técnica de referencia en urxencias para o diagnóstico do traumatismo toraco-abdominal.

Este equipamento engadirase a un novo ecocardiógrafo, para realizar algunhas das probas cardiolóxicas que se indican aos pacientes oncolóxicos, ademais dun novo ecógrafo xinecolóxico, para a realización de estudos de mama, complementando as mamografías, ademáis doutras probas xinecolóxicas e tamén de seguemento do embarazo.

 

Artigos relacionados

Back to top button