SanidadeÚltima hora

O servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Valdeorras adáptase fronte ao coronavirus

Os seus profesionais envían unha mensaxe de "tranquilidade e de ánimo" ás mulleres xestantes

Profesionais do servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Público de Valdeorras. Foto cedida.

 

Malia estar “na retagarda nesta loita contra o COVID-19”, esta pandemia tamén ten condicionado o funcionamento do servizo de Xinecoloxía do Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Nese senso, “implementáronse unha serie de recursos para facer fronte á batalla contra a extensión do coronavirus”, din dende este servizo.

A primeira medida e “a básica ata hoxe” ten sido evitar expoñer ás pacientes durante o pico de contaxio do virus mediante o uso da telemedicina tanto na consulta de xinecoloxía ordinaria, como na área de planificación familiar. Neste senso, a consulta telefónica foi un piar básico.

“A telemedicina ten o seu lugar, como todo nesta vida. Resultados non complicados, seguimentos de certos tratamentos, e incluso un primeiro contacto co xinecólogo, comprobamos que ten lugar se son actuacións posibles sen ter que asistir á paciente en persoa. Pero, como é lóxico, a gran maioría requiren asistir a unha consulta e alomenos na nosa especialidade, a consulta física é a base”, indican dende o servizo de Xinecoloxía do hospital valdeorrés.

En cambio, en áreas como o quirófano limitouse toda actiidade programada “salvo a oncolóxica e a urxente, que se mantivo. Por este motivo, os ingresos reducíronse ao mínimo e puidemos ceder recursos a Medicina Interna, que ten sido, xunto co servizo de Urxencias, os verdadeiros protagonistas nesta loita”, din dende Xinecoloxía.

Ademais, este servizo matiza que, “ao contrario que noutras estatísticas, nós non percibimos unha gran redución das urxencias xinecolóxicas. En xeral, temos a sorte de que as nosas usuarias son moi conscientes do valor do servizo de Urxencias e non abusan. Neste ámbito, a atención non cambiou en absoluto”.

Servizo de Obstetricia

Para o servizo de Xinecoloxía e Obstetricia, “dende o inicio, as pacientes obstétricas teñen sido unha prioridade pola súa condición, buscando a forma máis práctica de conseguir a súa seguridade e a dos seus bebés. Por unha banda, a escasa evidencia dispoñible sobre o efecto do virus neste colectivo obriganos a ser especialmente cautos e, pola outra, o seguimento dunha xestación segundo os estándares de calidade actuais supón unhas visitas mínimas necesarias que non deberíamos negar ás futuras nais”, aseguran.

 

 

Neste senso, as consultas organizáronse dende diferentes frontes: primeiro foron chamadas telefónicas ás pacientes con 35 semanas ou máis de xestación (parto máis cercano), ademais mantivéronse as consultas de primeira cita de embarazo coa matrona, así como as consultas das 25 e 35 semanas, “realizamos as ecografías regradas de primeiro, segundo e terceiro trimestre, e os rexistros cardio-tocográficos en xestacións a termo cada 15 días. Por último a asistencia urxente de pacientes por causa obstétrica, incluíndo a asistencia a partos e cesáreas, está garantida”, segundo o servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Valdeorras.

Ademais traballouse en protocolos específicos e na planificación de circuítos separados para pacientes Covid e non Covid co fin de minimizar contactos e riscos.

Dende este servizo tamén se explica que as mulleres embarzadas “son consideradas poboación de risco polo Ministerio de Sanidade debido á súa inmunosupresión fisiolóxica e aos cambios respiratorios ao longo da xestación. Sen embargo, non parecen ser máis susceptibles a infectarse polo virus que o resto da poboación feminina da súa mesma idade. Dos casos reportados ata agora, a maioría proveñen de mulleres chinesas que se infectaron durante o terceiro trimestre de xestación: ningún recén nacido foi positivo na proba de PCR, pero actualmente existe algún caso de bebés con coronavirus ás poucas horas de nacer, polo que non podemos descartar ao 100% a posibilidade de que exista unha transmisión vertical (intrauterina)”.

No que se refire á vía do parto ou á posibilidade de lactar, dende o servizo Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Valdeorras din que “as decisións médicas deben tomarse segundo o estado da nai e o bebé, pero non hai evidencia que contraindique un parto natural ou a lactancia materna. As mulleres de parto Covid+ poden estar acompañadas pola súa parella ou pola persoa que desexen durante o proceso de parto, extremando as medidas de protección, aínda que obviamente as visitas tras o parto estean restrinxidas como no resto das instalacións hospitalarias”.

Finalmente, os profesionais deste servizo do hospital valdeorrés queren transmitir á poboación xestante da zona unha mensaxe de “tranquilidade e de ánimo: hai que protexerse e maximizar o seguimento das recomendacións de saúde, evitar realizar condutas de risco e visitas innecesarias. O coñecemento científico do virus na xestación cada día aumenta e obríganos a estar actualizados e a rectificar cara o máis recomendable, sempre buscando un entorno seguro onde a vivencia do embarazo e do parto sexa de calidade”.

Artigos relacionados

Back to top button