Coa baixada de temperaturas e a chegada do outono, os escaparates de moda mudan a imaxe, pasando das prendas lixeiras e de cores claros e brillantes ás de abrigo e cores máis apagados e escuros. É o cambio de tempada ao que dúas veces ao ano se enfrontan os establecementos do sector téxtil chamando a atención do potencial cliente dende a rúa.
Un exemplo témolo en Miranda M, un dos referentes da moda masculina no Barco de Valdeorras, e tamén un dos negocios máis lonxevos, que dende hai uns días amosa as tendencias outono/ inverno 2019/2020 en plena rúa Conde Fenosa (esquina rúa da Estación). E desta volta faino, cun complemento moi especial: o Periódico O Sil. Lucindo as prendas máis casual do escaparate (anoraks, xerseis, pantalóns, camisas,… ) podemos ver aos estáticos modelos, que discretamente, convidan aos viandantes a botar unha ollada ao xornal, tanto á edición de O Sil ano 2000 como a de O Sil Deportivo. Un claro exemplo de que seguir as tendencias non está reñido con estar informado.
Miranda Moda é unha referencia, pero non a única, de que O Barco é unha vila de moda na que conviven numerosos establecementos, pequenos comercios que fan pobo, nos que atopar todo aquilo que o cliente pode precisar, destacando as mellores marcas do mercado e unha atención personalizada.
Fotos: Carlos G. Hervella