ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O son dos folións envolve Trives co Entroido de Verán

A vila vibraba ao ritmo de sete folións a partires das seis e media desta tarde de domingo

Dende o Campo da Barreira ata a Praza do Reloxo. Era o percorrido do desfile de folións que na tarde do 11 de agosto percorría a vila de Trives no marco dos actos da XI Mostra do Patrimonio Inmaterial. Un desfile que permitía desfrutar en pleno agosto dos ritmos e mesmo dalgunhas máscaras do Entroido propio do oriente ourensán.

 

 

Entre os folións participantes estaban A Caniceira (Trives), Os Arrieiros (Petín), As Maceiras (Trives), A Lardeira (Trives), O Irrio (Castro Caldelas), Os Labregos (Trives) e Os Viticultores (Vilamartín). Numerosas persoas seguían esta atroadora e festiva comitiva de bombos e aixadas que retaba á chuvia que comezaba a caer arredor das oito e que, finalmente, lograban escorrentar. Durante o desfile a organización contaba co apoio de Protección Civil de Trives e da Policía Local. Ao rematar, a organización ofrecíalles unha merenda aos membros dos folións participantes.

 

O programa da Mostra do Patrimonio Inmaterial, que organiza a Asociación Cultura A Caniceira, completarase esta noite coa actuación do grupo Os Fillos do Estramonio na Praza do Reloxo de Trives.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button