OurenseÚltima hora

O stand de Verín “Vila Balnearia” instalado en Termatalia recibe máis de 6.000 visitantes

O stand de Verín en Termatalia. /Foto: Concello de Verín.

 

Os máis de 6.000 profesionais que visitaron o stand de Verín instalado na 20ª edición de Termatalia confirman o éxito de participación obtido este ano. Coa súa caseta “vila balnearia” o Concello de Verín presentou a súa aposta da promoción do turismo sostible e de saúde. Unha “buvette” rodeada por distintas imaxes cos fitos termais da vila foi un dos máis valorados polos visitantes.

Tras máis de dúas décadas participando en Termatalia, a feira máis importante de Termalismo a nivel internacional, Verín presentábase este ano ao evento de forma individual co obxectivo de potenciar a imaxe turística como vila balnearia, tanto entre profesionais do sector como entre os visitantes ao evento xa que se fomenta o intercambio de experiencias co fin de impulsar o mercado estratéxico do Turismo sostible e de Benestar.

O stand estivo a cargo da técnica de Turismo do Concello de Verin, que deu resposta ás múltiples cuestións e dúbidas que os visitantes expuñan á chegada da caseta; na súa maioría profesionais do sector, expertos en turismo de benestar ou empresarios do sector turístico.

 

Outra imaxe do stand de Verín en Expourense./ Foto: Concello de Verín.

 

Verín aproveitou o evento para promocionarse como destino turístico termal xunto con Chaves, mantendo reunións con empresas e consultoras profesionais do sector termal con ampla experiencia na xestión da industria do turismo.

Ademais, un ano máis unha auga de Verín consegue quedar finalista na Cata Internacional de augas. Nissi Spirit, Magma Orixinal, Fontecelta e Auara, foron as augas gañadoras da XIX Cata Internacional de Augas. No caso de Verín, a auga Magma Orixinal de Augas de Cabreiroá, obtivo o primeiro premio na categoría Auga mineral con Gas Natural.

A feira reuniu a profesionais de 25 países de Latinoamérica e de Europa cun vínculo en común, a auga termal e a importancia da mesma como modelo de tratamento terapéutico e de benestar.

Foron para Verín dous días de actividade promocional que supuxeron o reencontro presencial con representantes institucionais, empresarios e profesionais do sector termal. Dar a coñecer o auguismo, achegar a cultura da auga, manter reunións técnicas, dar a coñecer a contorna da vila e promover as visitas ao destino Chaves Verin, foron as actividades durante estas dúas intensas xornadas.

 

Artigos relacionados

Back to top button