O latexo dos folións e as carreiras dos Boteiros marcaban o ritmo dunha das datas principais do Entroido en Vilariño de Conso: o Domingo Gordo. A festa comezaba o 3 de marzo arredor do mediodía coa lectura do pregón, seguida dos saltos dos Boteiros e do toque do primeiro dos folións, que saía dende o Toural: o de Vilariño de Conso. Despois viña da danza dos Boteiros do Folión do Val, así como os folións de San Cristovo, Conso e Veiguiña, o de Chaguazoso e o de Mormentelos (coa súa comparsa con director incluído e coa recuperada figura do Touro). Todos eles do municipio de Vilariño de Conso.
Da comitiva tamén formaban parte os folións triveses da Caniceira, A Lardeira e As Maceiras, ademais dos de Chandrexa de Queixa e, como broche, o de Carracedo da Serra (A Gudiña). O desfile finalizaba nas proximidades da área recreativa do Cenza e, dende alí, membros dos folións e visitantes encamiñábanse ata o pavillón polideportivo onde se servía a XXX Festa do Cabrito, cunha multitudinaria asistencia. O xantar, servido por Mantesil, incluía empanada, chourizos, cabrito e bica, de sobremesa, ademais de bebidas.
Fotos: Ángeles Rodríguez.