OurenseÚltima hora

“O tempo na Luparia”, documental de Plácido Romero, preséntase en Ourense

Publicidade
O acto terá lugar o vindeiro mércores 16 de maio ás 20 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel
Cartel da presentación de “O tempo na Luparia” de Plácido Romero.

A aldea, a terra e o tempo. Da vida no pasado e no presente dunha comunidade de homes e mulleres, coa súa complexidade, coas mudanzas que trouxo o paso do tempo fala o último traballo do director ourensán Plácido Romero. O tempo na Luparia, da productora Arraianos Producións, presentarase o día 16 de maio ás 20h. no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

“O tempo habita nas paisaxes que nos conmoven, na Mota Grande do Leboreiro, entre os muros da casa de Xaquín Lorenzo “Xocas”, nos rituais ancestrais que contribúen a que os pobos conserven a súa identidade, nas vidas e traballos cotiáns das persoas, nos seus anhelos de futuro, nas lendas que se están a esquecer, nas imaxes gravadas que capturaron momentos de vida desde fai varios decenios… O tempo tamén reside na derradeira xeración de xoves testemuñas directos dos cambios e depositarios de desexos e esperanzas nun mundo mellor”, sinala o Plácido Romero.

O documental achégase ao pobo e ao seu espazo. “Enmarcado polas cumes arraianas do Leboreiro, coas maiores concentracións megalíticas do noroeste peninsular, e polo Río do Esquecemento que na antigüidade desmemoriaba a quen se atrevía a vadealo ou a quen bebía das súas augas. Unha alma colectiva cunha dinámica traxectoria histórica que parece estar guiada polas forzas telúricas deste misterioso territorio”, din dende a produtora.

O tempo na Luparia pode ser visto, engaden, “como un intento poético de estímulo e orgullo de pertencer a unha terra, cuns grandes valores culturais e históricos, cun incerto futuro, pero tamén como un singular documento gráfico para a preservación da memoria colectiva, tan desatendida pero tan imprescindible na nosa actualidade para non esquecer quen somos e para poder entendernos a nós mesmos. Aínda que en moitos aspectos o filme suscite dúbidas, obxeccións e interrogantes”.

En palabras de Plácido Romero, O tempo na Luparia pódese comparar “coa técnica dun escultor. Miguel Anxo dicía que dentro de calquera bloque de mármore había unha escultura. O que había que facer simplemente era sacar a parte que sobraba. Eu que tiña un gran bloque de tempo atrapado en imaxes e testemuñas do pasado e do presente, tiven que ir reducíndoo, laboriosamente, ata producir esta obra cinematográfica. Esta tarefa fíxoseme moi difícil pois tiven que prescindir de moito material que eu consideraba de gran valor ou co que estaba especialmente encariñado. O resultado foi, pois, unha escultura de tempo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button