En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O traballo das alumnas de Coeducación para o século XXI, do IES Cosme López da Rúa, homenaxea “a todas as mulleres que responden”

O proxecto sobre igualdade era proxectado no Centro Cultural Avenida na tarde deste xoves 25 de marzo

 

No curso 2019-2020, con gran esforzo, dedicación e ilusión, as alumnas de Coeducación para o século XXI, do IES Cosme López Rodríguez da Rúa (materia optativa de 1º de Bacharelato) levaban a cabo un proxecto audiovisual sobre a igualdade para conmemorar o día da muller. O 8 de marzo de 2020 a súa proxección quedou adiada, como moitas outras cousas, debido ás restriccións provocadas pola pandemia actual polo que non era ata esta tarde, máis dun ano despois, cando se estreaba no Centro Cultural Avenida.

Antía, Paula, Alexia F., Alexia G., Uxía, Patricia, Izíar e Valentina, son as oito alumnas do instituto rues que axudadas entre outros moitos pola profesora de Coeducación Carmen Díaz, levaban a cabo a gravación dos dous traballos que hoxe se proxectaban na Rúa.

O primeiro é unha curtametraxe titulada Igualarte (Fagamos unha historia diferente), na que as propias alumnas, nunha situación ficticia e cun certo ton cómico, fan un repaso sobre como foi representada a muller nas distintas obras de arte ao longo dos séculos.

 

Asistentes á proxección coas mulleres entrevistadas (só faltaba unha) en primeira fila.

 

O segundo e prato forte do proxecto, é a reportaxe Elas responden en Valdeorras, que xira en torno ás entrevistas a seis mulleres da comarca que falan da situación actual da muller no mundo laboral e profesional, desde a perspectiva persoal de cada unha: Cristina Gómez, manexadora de bois; Margarita Rodríguez, xerente do Hospital Público Valdeorras; Beatriz Delgado, policía local; Mencía Yano, escritora; Sofi Modebadze, pintora; e Inés Siso, a voz da experiencia.

Todas, ou a maioría, xunto a compañeiros, profesores e familiares das autoras do traballo, así como o alcalde e parte da corporación municipal, asistían na tarde deste xoves 25 de marzo á súa proxección. Antes, dúas das alumnas e a propia profesora facían a presentación do acto e na súa intervención Carmen non se esqueceu de ninguén. Comezando polos asistentes e dun xeito especial ás seis colaboradoras, “e tamén ás compañeiras e compañeiros do instituto que despois dun duro día de evaluacións, fixeron un esforzo por estar aquí”, dixo, destacando o “impecable traballo de edición, montaxe, así como a absoluta e imprescindible colaboración dos profedores de informática”. Pero sobre todo, Carmen tivo palabras de orgullo para “as verdadeiras protagonistas que son as oito ex alumnas xa de Coeducación, que fixeron un gran traballo, como verdadeiras profesionais, con moito esforzo e adicación, fóra do horario escolar e non sempre nas condicións óptimas”.

“Este traballo”, concluía Carmen “é unha pequena homenaxe a toda as mulleres que en Valdeorras, en Xeorxia ou en calquera outra parte do mundo, responden cos seus actos de cada día. Vai por todas elas”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button