
Un día despois de que a Volta Ciclista a España percorrese a Ribeira Sacra dende Ourense Termal ata a Estación de Montaña Manzaneda, chegaba a Valdeorras a Volta a España en Bultaco Mercurio por tramos.
Tal como explica o barquense Fidel Paradelo, representante de Bultaco Sport Clásico de Galicia dende hai moitos anos, trátase dunha ruta en moto da marca Bultaco que se celebra cada dous anos e leva facéndose dende hai máis de 20, “menos na pandemia de Covid cando se suspederon todas as actividades, e acaba de retomarse”, di, presentando a Isidoro que na tarde do venres 30 de agosto chegaba de Ourense para entregarlle a el o testemuño (que antes de Ourense chegaba dende Sanxenxo) que levará hoxe ata terras leonesas para entregalo en Bembibre e que o leve outra xente ata a seguinte etapa.

Hai seis anos Fidel levaba o testemuño ata Puente de Domingo Flórez e hoxe, en torno ñas tres da tarde sairán dende a Gasolineira de Veigamuíños. En principio serán Fidel, Isidoro, Luis e algún máis pero pode participar a xente que queira “con ou sen Bultaco, aínda que nós valoramos máis que se apoie ás marcas clásicas como Bultaco que tanto leva feito polas carreiras e polo mundo do motor neste país e onde radica a raíz do motociclismo”, di Fidel, adiantando que farán un pequeno percorrido pola vila e collerán rumbo á Bembibre para entregar o testemuño.

Tanto Fidel como Luis son grandes afeccionados ás motos dende hai moitos anos. “Antes de ter a marca estabamos aprendendo a facer motocross e competiamos entre nós eu ca Bultaco e el con outra moto e ao final acabou collendo unha Bultaco”, lembra Fidel, asegurando que é un gran entendido en mecánica e electricidade e están facendo algunhas transformacións bastante considerables como é a incorporación do arranque eléctrico, no que levan moito tempo traballando e sen moitos medios “pero animamos a quen queira levar estas máquinas a onde non chegaron pero se quería e estamos dispostos a sacar adiante estas motos e que funcionen tan ben como as novas”, di.
Fotos e vídeos: O SIL.



